A base de Protección Civil de Verín acolleu este venres a reunión de coordinación clave para establecer o dispositivo de seguridade do Entroido 2026. O Concello, que traballa dende 2013 na optimización destas medidas para grandes eventos, elaborou un Plan de Autoprotección específico que define os protocolos de actuación e a coordinación entre os distintos equipos de emerxencia, co obxectivo de garantir a seguridade tanto do público como dos profesionais implicados durante os festexos. O operativo inclúe un importante reforzo de persoal, contando coa colaboración das agrupacións de Protección Civil de Verín, A Gudiña, A Coruña e Ferrol, a Policía Local, a Garda Civil (incluído Tráfico), a Axencia Galega de Emerxencias e Ambulancias Sil.
As medidas abranguen todos os días clave da festa, comezando polo Domingo Corredoiro, que implicará cortes de tráfico na N-525 e na praza da Alameda, con cobertura sanitaria. Para o Xoves de Comadres, despregarase un dispositivo especial con máis de 50 efectivos coordinados dende un Posto de Mando Avanzado situado na praza García Barbón, que contará con equipos de videograbación e un posto sanitario medicalizado con dúas ambulancias na rúa Lisa. Tamén haberá vixilancia e asistencia sanitaria durante o Venres de Compadreo e un dispositivo preventivo a noite do Sábado de Entroido.
Para os Desfiles do Domingo e Martes de Entroido, o plan establece cortes de tráfico nas Avenidas Luis Espada e Castela (ás 11:00 o domingo e ás 16:00 o martes). Como medida para evitar o colapso das vías de emerxencia, as carrozas que non rematen o percorrido deberán saír obrigatoriamente pola ponte da N-525 cara ao barrio de San Lázaro. Ademais do operativo físico, o Concello puxo en marcha unha campaña de información preventiva mediante a instalación de cartelería coas vías de evacuación na praza García Barbón e a distribución de trípticos con consellos de seguridade e planos de zonas de aparcamento.
