Venres. 29.03.2024
Gerardo Seoane, este xoves, presentando o su plan enerxético para as aldeas de Verín.
Gerardo Seoane, este xoves, presentando o su plan enerxético para as aldeas de Verín.

O alcalde de Verín lanzou este xoves unha novidosa idea nunha mesa de traballo sobre captación de fondos europeos: adiantou que o Concello prepara un proxecto para dotar de autonomía enerxética aos 16 núcleos do rural de Verín, mediante enerxía solar. O rexedor fixo este anuncio nunha xornada de Agader que reuniu aos alcaldes da comarca de Monterrei para deseñar o Plan Integral de Recuperación da área suroriental de Ourense.

Seoane reclamou a implicación da Xunta para solucionar os que considera os dous grandes problemas da comarca: a falta de auga e a suficiencia enerxética. Neste sentido, adiantou que Verín traballa nun proxecto para constituír comunidades enerxéticas (amparadas na lexislación actual) para que as 16 aldeas de Verín instalen parques solares nos seus terreos comúns, e consigan suficiencia enerxética para os seus membros.

"Será un exemplo revolucionario de sostibilidade", afirmou Seoane, "e unha verdadeira e efectiva política de fixación de poboación no rural: vivir nunha aldea coa electricidade practicamente gratis". O alcalde sinalou que traballa actualmente na redacción dos proxectos técnicos para a opción a fondos europeos, e no deseño e viabilidade destas instalacións.

Seoane Fidalgo pediu a axuda da Xunta para este e outros proxectos, que contribúan ao "desenvolvemento real da comarca, con medidas palpables e atractivas para atraer a xente ao noso territorio. Temos 1.500 de horas de insolación", comentou, "o que nos permitiría acadar a suficiencia enerxética en moitos dos nosos territorios, nun momento en que a crise climática está agobiando a todas as economías e nos nosos núcleos rurais poderían ser punteiros".

Captación no embalse de As Portas

Ademais, referiuse á outro dos principais problemas da comarca: a falta de auga. Neste sentido, o rexedor de Verín expuxo un proxecto intermunicipal para solucionar a sobre explotación de captacións de acuíferos subterráneos e da conca do Támega.

Segundo Gerardo Seoane, a solución pasaría por realizar unha captación no embalse de As Portas, a 900 metros de altitude, e transportalo por gravidade ata o Val, de xeito que se puidera abastecer de xeito sostible a toda a comarca. "Ademais dunha fonte inesgotable de abastecemento", afirmou, "permitiría abordar a sostibilidade do ciclo da auga, incluíndo a renovación de todo o proceso, ata a depuración, que tamén é unha asignatura pendente".

O alcalde de Verín reivindicou ante representantes da Xunta e dos concellos da comarca o papel estratéxico da vila do Támega como prestadora de servicios, conservación medioambiental e captación de turismo. Gerardo Seoane pediu a implicación das institucións para mellorar a formación en todos os ámbitos, especialmente nos graos intermedios.

Segunda fase

O anuncio do rexedor verinense, Gerardo Seoane, fíxose na reunión coa que a Xunta deu comezo á segunda fase do proceso de participación pública para a elaboración do plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense. Nela participaron o conselleiro do Medio Rural, José González -por videoconferencia- e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, quen acudiu de xeito presencial á xuntanza institucional deste mediodía en Verín cos alcaldes implicados. A reunión deu paso, pola tarde, á celebración dunha mesa temática sobre o turismo, o patrimonio e o viñedo, na que participarán diversos axentes relacionados.

 

Precisamente no marco desa segunda fase, a de hoxe foi a primeira das cinco mesas temáticas que terán lugar, ademais dos talleres participativos que se desenvolverán en cada un dos 10 concellos involucrados (Verín, Cualedro, Monterrei, Oímbra, Laza, Castrelo do Val, Vilardevós, Riós, A Gudiña e A Mezquita), trala primeira fase de entrevistas e acompañamentos na que participaron un total de 78 persoas e entidades.

En concreto, ademais da centrada no turismo, o patrimonio e o viñedo programada para este xoves, as mesas abordarán outros aspectos de relevancia como o sector agrogandeiro, o sector forestal, a eurocidade Chaves-Verín e os núcleos rurais.

Canto aos talleres, que se prevén a partir da segunda quincena deste mes de abril, valorarase a relevancia do recollido na primeira fase do proceso e deseñaranse novas propostas de dinamización para os sectores que conforman o Plan integral (agrogandeiro, forestal, turístico e patrimonial), facendo fincapé na identificación de terras que poidan ser postas en valor mediante algunhas das figuras que recolle a Lei de recuperación da terra agraria.

O Concello de Verín prepara un ambicioso plan de autosuficiencia enerxética para as aldeas