A concelleira de Persoal do Concello de Verín, Rosario Rodríguez, vén de anunciar ao Diario do Támega, a convocatoria para a selección de dous postos de auxiliar da Policía Local. As prazas van ser cubertas durante a tempada de verán, cunha duración máxima de catro meses. "No verán sempre hai máis poboación na vila e é necesaria esta contratación, sempre seguindo a Lei Galega de Coordinación da Policía Local, que permite contratar un número de persoal eventual que non supere a metade da plantilla fixa", afirma a edila socialista.
As solicitudes
Os interesados poderán facer as súas solicitudes en 10 días naturais a partir do día seguinte á publicación, prevista para mañá 13 de maio, sempre e cando conten cos requisitos solicitados nas bases. A presentación de instancias deberá facerse no Rexistro Xeral do Concello, de maneira presencial ou telemática. Unha vez comprobados estes requisitos, terán que superar un proceso de oposición libre, que consta dunha proba física e unha teórica. Ambas probas terán carácter obrigatorio e eliminatorio.
Unha vez superada a oposición, os aspirantes deberán participar nun curso de formación impartido pola Academia Galega de Seguridade Pública. Está previsto que os elixidos se incorporen ás filas da Policía Local o vindeiro 1 de xullo.