martes. 23.04.2024
Así loce xa parte da ribeira do río Támega ao seu paso por Verín. | FOTO: Carlos Montero.
Así loce xa parte da ribeira do río Támega ao seu paso por Verín. | FOTO: Carlos Montero.

O  Concello de Verín vén de activar o seu plan especial de limpeza das marxes do río Támega. Os operarios municipais xa se atopan traballando na primeira das súas fases, que abarca os tramos comprendidos entre a área recreativa de Tintores ata a ponte da N - 525 ao seu paso por Verín; e desde a ponte de Pazos ata a nova ponte en construción situada en Queizás.

Os traballos efectuados dentro deste plan buscan a mellora da vexetación da ribeira do río Támega mediante a retirada de árbores mortas do seu leito, de vexetación invasora e a limpeza selectiva en ambas marxes.

Segundo explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, "o obxectivo principal deste plan é favorecer o comportamento hídrico do río Támega ao seu paso polo noso municipio e poder así manter o seu caudal ecolóxico; sempre, por suposto, respectando en perfecto estado a biodiversidade, tanto do propio río como da zona e das súas ribeiras". Seoane tamén quixo recordar que o Concello de Verín conta cos permisos correspondentes dos organismos competentes (Consellería de Medio Ambiente e Confederación Hidrográfica do Douro) para realizar esta actuación.

Esta intervención, na que se investirán 120.000 euros, está dividida en dúas fases. A primeira, na que se está traballando actualmente, abarca os tramos comprendidos entre a área recreativa de Tintores ata a ponte da N - 525 ao seu paso por Verín; e desde a ponte de Pazos ata a nova ponte en execución situada na paraxe do Pracer, en Queizás. A segunda, que será executada en setembro, limpará as ribeiras do Támega ata a fronteira con Portugal.

Uns 400.000 euros para o Proxecto Integral de Saneamento do concello

Este actuación forma parte do Plan Integral de Reestruturación e Saneamento de Verín deseñado polo Concello e que está destinado a completar o correcto funcionamento do ciclo da auga do río Támega ao seu paso pola vila. O mesmo suporá un investimento total que roldará os 400.000 euros.

Este proxecto divídese en tres grandes actuacións. A primeira, que xa se atopa en marcha, comprende accións de limpeza das ribeiras do río Támega; a segunda, estará enfocada a mellorar o saneamento hídrico ao seu paso pola zona urbana; e a terceira terá como obxectivo o saneamento nos pobos que conforman o municipio.

O Concello de Verín investirá 120.000 euros en rozar e limpar as ribeiras do Támega