domingo. 28.04.2024
Os comerciais da empresa sinalada afirman que a auga de Verín non cumple os estándares de potabilidade.
Os comerciais da empresa sinalada afirman que a auga de Verín non cumple os estándares de potabilidade.

O Concello de Verín, a través da empresa Espina & Delfín, vén de emitir un comunicado no que alerta dun posible timo que se está a realizar por parte de comerciais dunha empresa especializada en produtos para purificación da auga

Segundo confirman fontes municipais, "recentemente, detectouse a presenza de comerciais proporcionando información incorrecta aos usuarios, chegando a afirmar que a calidade da auga en Verín non é apta para o consumo, entre outras afirmacións erróneas. Este tipo de prácticas son inaceptables e teñen o único obxectivo de promover a venda dos seus produtos", sinalan.

E por iso que, dende o servizo municipal de augas, "queremos deixar claro que estas accións non contan coa autorización de Espina & Delfín para levarse a cabo na localidade. Ademais, constatamos aos veciños e veciñas de Verín que a auga fornecida é totalmente potable e cumpre con todos os estándares de calidade e seguridade", recalcan.



O comunicado feito público esta mesma mañá recomenda ás persoas que se atopen ante esta situación que non dean credibilidade ás declaracións destes comerciais e que, en caso de dubida ou sospeita, contacten directamente con Espina & Delfín para obter información fiable.

O Concello de Verín alerta dun posible timo na análise da auga do grifo a domicilio