
Operarios do Concello de Verín comezarán nas próximas horas a reforma da estrada nacional 525 ao seu paso pola localidade de Pazos, completando así o plan do grupo de Goberno de humanizar os principais accesos á vila en todos os seus puntos cardinais. Trala mellora da avenida de Laza -coa construción dun carril bici e reforma de beirarrúas-, avenida de Castela -creando novos espazos verdes- e a avenida de Portugal, é agora a quenda dunha vía non exenta de perigosidade.
Os traballos más inmediatos realizaranse dende o indicativo da localidade e até o cruce do Parador, dirección Ourense. Colocarase unha nova beirarrúa, máis ancha; novos sistemas de abastecemento e saneamento e árbores entre dúas ou tres prazas de estacionamento.

As obras rematarán coa anunciada rotonda na intersección coa estrada que sube até o Parador, que non terá outro obxectivo que obrigar aos conductores a reducir a súa velocidade á entrada da poboación. O novo ancho das beirarrúas deixará limitado o número de carrís de circulación a dous, suprimindo aqueles de incorporación tanto á vía que comunica Pazos co seu polígono industrial e o seguinte, o do desvío cara Villaza, xa en Monterrei.