miércoles. 09.10.2024
Gerardo Seoane, alcalde do Concello de Verín, xunto a Jonatás Gago, presidente da DO Monterrei.

O Concello de Verín e a DO Monterrei son as dúas caras máis visibles da comarca. Acoden xuntas a feiras e eventos internacionais, e conforman conxuntamente a maior proxección da imaxe deste territorio. Por este motivo veñen de acordar sumar esforzos para a promoción dos viños e do termalismo, cultura e natureza de Verín.
 
O presidente da DO Monterrei, Jonatás Gago, e o alcalde do Concello de Verín, Gerardo Seoane, asinaron un convenio de colaboración entre as dúas entidades para aproveitar as súas sinerxías. “Entre os dous organismos”, afirmou Seoane, “acudimos a ducias de eventos turísticos, enolóxicos e culturais ao cabo do ano: temos que aproveitar para dar unha potente imaxe conxunta como destino de ocio, de termalismo, de cultura e de enoturismo”.
 

Pola súa banda, o presidente da DO Monterrei destacou “a tradicional colaboración de Concello e Denominación de Orixe, como na celebración da Feira do Viño” que debe, segundo as súas palabras, “afondar e ir a máis, para aproveitar todos os escaparates que nos poden facer máis desexables e dar a coñecer os nosos recursos”.
 
Neste sentido, o texto do convenio asinado entre as dúas entidades recoñece  “o seu interese común na promoción e dinamización económica da comarca de Monterrei”, e para elo manifestan “a súa intención de aproveitar as sinerxías promocionais e escaparates públicos a que ambas acceden, para contribuír ao posicionamento de Verín como destino enoturístico, termal e patrimonial”.
 
Igualmente, o Concello de Verín, como núcleo comarcal e centro de servicios do territorio vitícola e enoturístico deste territorio, e núcleo urbano da súa oferta turística e termal, manifesta o seu interese en dinamizar, divulgar e promocionar o carácter singular da oferta enolóxica e enoturística emerxente que supoñen os viños de Monterrei.
 
Pola súa banda, a Denominación de Orixe Monterrei, como entidade responsable do impulso e desenvolvemento vitivinícola da comarca, atópase inmersa na expansión, crecemento e internacionalización da oferta e os produtos enolóxicos da comarca, polo que necesita maximizar todas as oportunidades e mecanismos de divulgación.
 
Ambas entidades recoñecen, polo tanto, o seu interese común nos ámbitos de desenvolvemento da súa marca territorial e de divulgación da súa oferta enoturística e cultural, declarando así "a súa intención de cooperar nos eidos comúns de formación, divulgación da identidade do territorio da comarca de Verín e Monterrei".

NOTICIAS VERÍN | Concello e D.O Monterrei colaborarán na difusión da imaxe de Verín e...