viernes. 26.04.2024
Obras na avenida de Portugal de Verín. | FOTO: Iván Iglesias.
Obras na avenida de Portugal de Verín. | FOTO: Iván Iglesias.

Este xoves, persoal dunha empresa especializada comezou a traballar na construcción do novo carril bici que terá a vila, e que partirá dende a rotonda prevista no enlace da Nacional 532 co novo acceso ao polígono industrial de Pazos ata o estreitamento que sufre a avenida de Portugal logo da vella subestación eléctrica de Fenosa. 

As obras, recollidas no plan de rehumanización de Verín, perseguen ademais reducir a sinistrabilidade no treito da avenida de Portugal onde ata o de agora están autorizados os estacionamentos en batería. A ambos lados da vía e á altura do IES Xesús Taboada Chivite e posterior, só se poderá estacionar en liña, ampliaranse as beirarrúas, dotaranse de árbores similares ás colocadas na avenida de Castela e construirase o segundo dos carrís bicis da localidade

Os traballos realizaranse por administración e grande parte deles serán executados polo persoal da brigada de obras e servizos do Concello de Verín que, entre outros cometidos, teñen os de executar os peches dos predios que dan á rúa, colocación do sistema de rego, árbores, etc. 

A avenida de Pazos, na folla de ruta

Unha vez que rematen as obras na avenida de Portugal, nas que se consumirán arredor duns 100.000 euros, será a avenida de Pazos a que vexa tamén modificado o seu aspecto. O grupo de Goberno local prevé ampliar as beirarrúas ata a rotonda deseñada na intersección coa subida ao castelo de Monterrei e dotala de árbores. Quedarán pois, unha vez rematen estes últimos traballos, as catro avenidas de entrada á vila cun aspecto similar e no que se primará o tránsito de peóns. 

Arrincan as obras do segundo carril bici da vila de Verín