miércoles. 24.04.2024
20221227-palabra-do-ano-2022-comadre
"Sol negro e campesiñas", Luís Seoane, 1973. | Colección da Real Academia Galega.

Cando en Verín xa estamos todas as Comadres decidindo que disfraz imos pór no vindeiro Entroido, veñen os da Real Academia Galega e agasállannos coa elección da palabra do ano. Non fai falla unha votación popular para que o saibamos, pero... Comadres, iste é o noso ano!  Porque si, as Comadres é algo moi de Verín, que queres que che diga... Oe, pois nada, algo máis que celebrar! Que non fai falla que nolo digan, pero tampouco está mal que se recoñeza o valor e o significado da Comadre.

O Dicionario da Real Academia Galega define comadre nas acepcións relacionadas co parentesco, pero na fala popular esta voz refírese tamén á veciña ou á amiga na que se ten especial confianza. Con este último significado, que lembra as mozas e vellas que se prestan apoio para faceren fronte aos contextos adversos e que se fan tamén compaña nos bos momentos da vida, vén empregándose dende hai moito tempo.

Bebendo deste herdo tradicional, hoxe reivindícase dende o feminismo consciente como un xeito de se referir a aquelas que practican a sororidade, a solidariedade entre mulleres. E nese empeño de moitas comadres do século XXI de teceren redes de visibilidade para a súa mensaxe, esta voz acaba de se converter na Palabra do Ano 2022.

Comadre conseguiu ser unha das 6 voces finalistas na votación popular promovida pola RAG e a Fundación Barrié, a través do Portal das Palabras. A idea partiu raíz das Comadres das Letras, un grupo de mulleres unidas arredor dun obradoiro de literatura que a estendeu a través das redes sociais. E iso que non viñeron a Verín! A proposta prendeu con forza xa na primeira fase da elección da Palabra do Ano e acadou a complicidade da maioría das persoas que participaron na elección telemática. Conseguiu, de feito, máis do dobre de votos que o segundo vocábulo máis apoiado, candorca. O terceiro termo en votos foi ecocidio, seguido de resilienciaautoestima e inflación.

A relación de confianza e intercambio entre mulleres que ilustra a voz comadre vén de vello. Ao longo da historia e nas diferentes culturas as mulleres quedaron relegadas ao fogar. Foron privadas de dereitos reservados aos homes e invisibilizadas nas súas achegas. Porén, foron quen de tecer redes de apoio mutuo, repartindo o traballo, compartindo preocupacións para facelas máis levadías, e tamén o lecer. Sendo entre si, en definitiva, auténticas comadres. Esta relación de confianza feminina vese reflectida en certas celebracións tradicionais como o xoves de comadres do Entroido.

O feminismo, un dos movementos máis determinantes no avance social dos últimos tempos, esta a vivir na última década un novo momento de auxe. Comadre é a primeira Palabra do Ano da lingua galega que reflicte a pegada que está a deixar na conversa pública cotiá, pero a importancia da perspectiva de xénero na forma de ollarmos o mundo en pleno século XXI xa se manifestou en edicións anteriores desta iniciativa, poñendo o foco tanto en grandes problemas como en conceptos positivos. En 2015 feminicidio foi unha das voces finalistas; en 2017, violencia de xénero; e en 2018 chegaron á final feminismosororidade e mais apoderamento.

"COMADRE" elixida a Palabra do Ano 2022