viernes. 19.04.2024
PHOTO-2021-06-28-14-45-20
A dra. Alfonsina Uriburu co director de Dentalnova, o dr. Antonio Justo. | FOTO: M. D.

O pasado mes de abril a clínica Dentalnova recibiu por parte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia un novo título. Despois de 30 anos de experiencia en implantoloxía e ortodoncia, xa son centro autorizado para aplicar tratamentos de medicina estética. Farano da man dunha nova doutora, Alfonsina Uriburu, unha arxentina de 48 anos afincada en Compostela dende hai máis de 15.

Comezou a súa andaina na medicina exercendo como xinecóloga porque afirma "a miña paixón é traballar coa e pola muller". Pouco a pouco, foise interesando pola estética e agora "levo dous anos adicándome a isto. Encántame porque sigo traballando co corpo da muller. Antes nun quirófano axudando a traer vidas ao mundo, e agora, axudando a recuperar anos biolóxicos", engade a doutora. 

PHOTO-2021-06-28-14-45-19A doutora Alfonsina Uriburu tivo hoxe a súa primeira paciente. | FOTO: M. D.

Despois dunha longa formación práctica co coñecido médico estético Alejandro Acuña en Ourense, incorpórase a Dentalnova, que ofrecerá así un servizo facial integral. "Voume adecuar ao que é unha clínica dental e comezarei con tratamentos faciais, pero non podemos esquecer que somos un corpo e para sentirse ben hai que traballar outras zonas que non só están do ombreiro para arriba", conta Uriburu. "A idea principal é traballar fortemente no rexuvenecemento con tratamentos que sexan duradeiros no tempo: Ácido hialurónico, bótox, bioestimulación con plasma rico en plaquetas, fíos tensores ou inductores de coláxeno", engade. 

Polo momento, será un servizo quincenal que se levará a cabo un luns de cada dous. Previa cita na clínica, farase unha diagnose primaria, gratuíta, para estudar que e como se vai traballar. "Despois vén a fase de inxección e, finalmente, unha relación para a toda a vida", conclúe a doutora, que afirma "isto non é chegar, poñer bótox e non volver nunca máis. É un plan no tempo para verse ben de maneira constante"

O seu propio plan no tempo pasa por poder instalarse en Verín cunha firme declaración de intencións. "Encántame poder traballar aquí. Teño amigos, un clima inmellorable, a zona perfecta... Non se pode comparar con nada. Non teño clínica propia pero, se algunha vez poño unha, gustaríame que fose aquí", conta, mentres sorrí, ilusionada. 

Pola súa banda a dirección valora moi positivamente esta nova andaina, xa que "vai favorecer unha mellor atención e un total servizo ao paciente. Isto é só o principio, iremos incorporando máis tratamentos no futuro", conta María Jesús Villar, encargada da xestión da clínica. Ademais desta nova rama dentro da medicina estética, Dentalnova tamén acaba de incorporar profesionais en fisioterapia da ATM (articulación temporomandibular) e en anestesia e reanimación.

NOTICIAS DE EMPRESA | A clínica Dentalnova estrea novos servizos de estética facial:...