domingo. 19.07.2026
Competición autonómica en Monforte

Os centros de Verín triunfan na Olimpíada de Xeoloxía con varios premios | NOTICIAS VERÍN

Alumnado dos institutos de Verín participante na Olimpíada de Xeoloxía celebrada en Monforte.
Alumnado dos institutos de Verín participante na Olimpíada de Xeoloxía celebrada en Monforte.

Os centros educativos de Verín volveron destacar nunha cita científica de referencia. O pasado mércores celebrouse en Monforte de Lemos a XIV Olimpíada de Xeoloxía, unha xornada de convivio arredor das ciencias da Terra na que participaron 11 centros de ensino das provincias de Ourense e Lugo e máis de 80 alumnas e alumnos, entre eles estudantes da comarca de Monterrei.

 

A actividade estivo organizada pola Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT) e desenvolveuse de maneira simultánea en varias sedes de Galicia. O alumnado verinense desprazouse ata Monforte para poñer a proba os seus coñecementos nunha programación que combinou traballo en equipo e avaliación individual.

 

Pola mañá celebrouse unha xincana por equipos con diferentes probas relacionadas con minerais, fósiles, terremotos, recursos mineiros e movementos da codia terrestre. Pola tarde, os participantes afrontaron un exame individual de 40 preguntas tipo test.

 

Os resultados foron especialmente positivos para os institutos da vila, que acadaron tres dos cinco premios en xogo. O mellor grupo da xincana foi para o IES Taboada Chivite, integrado por Gabriel Guede Gómez, Laura López Núñez, Lucía Álvarez González e Adrián Rodríguez Ruíz.

 

No apartado individual, o premio ao mellor alumno de 4º da ESO recaeu en Marcos Ferreiro Fírvida, do IES Castro de Baronceli. Ademais, o primeiro premio individual absoluto foi para Gabriel Guede Gómez, do IES Taboada Chivite, quen representará á comarca na Olimpíada Nacional que se celebrará en Vigo.

 

Os profesores de Bioloxía e Xeoloxía dos dous centros, Pablo Blanco Penelas e Lucía Parente Romero, amosaron a súa satisfacción polo rendemento do alumnado e puxeron en valor a importancia de fomentar esta disciplina nos institutos a través deste tipo de iniciativas.

 

Durante a xornada tamén houbo tempo para actividades culturais, coa visita ao castelo e á torre da homenaxe de Monforte e un percorrido pola zona histórica da vila. Desde a organización sublíñase que estas experiencias permiten achegar as ciencias da Terra ao estudantado e reivindicar unha materia que aborda cuestións de plena actualidade, como os efectos do cambio climático, os riscos ambientais, a explotación de recursos naturais ou o coñecemento da paisaxe, ademais de poñer en valor o labor dos centros públicos e do alumnado do rural.

Os centros de Verín triunfan na Olimpíada de Xeoloxía con varios premios | NOTICIAS VERÍN