O alumnado de 6º de Educación Infantil do CEIP Plurilingüe Princesa de España de Verín desprazouse este martes a Santiago de Compostela para recoller o primeiro premio da súa categoría no certame de curtas en galego Nós tamén creamos. Esta iniciativa ten como obxectivo principal fomentar a creatividade, a lectura e o uso do idioma galego a través da creación audiovisual nas aulas.
A peza galardoada leva por título A mellor sopa do mundo e foi confeccionada mediante a técnica de stop motion, un minucioso proceso de animación fotograma a fotograma. Os escolares participaron activamente durante todo o curso escolar 2025-2026 na creación dos decorados, a elaboración de personaxes e elementos con plastilina, a gravación dos audios e a preparación e fotografía das distintas escenas. Pola súa banda, as docentes responsables do proxecto asumiron a redacción do guión e a montaxe final da curta. O vídeo xa se atopa publicado na plataforma YouTube, concretamente na canle da Secretaría Xeral de Política Lingüística (podes facer clic aquí para velo).
Esta resolución supón o máximo recoñecemento na súa categoría para unha aula que xa participara no certame o curso anterior. Tras a experiencia previa e o interese amosado polos nenos e nenas, o centro educativo decidiu impulsar este novo traballo. Desde o CEIP Plurilingüe Princesa de España salientaron o valor pedagóxico da actividade para potenciar o traballo en equipo, a creatividade e a expresión oral en lingua galega, felicitando publicamente ao alumnado polo esforzo e polo resultado acadado.
Novos formatos para aprender galego
A Xunta de Galicia puña, no mes de novembro de 2025, unha nova edición do concurso de curtametraxes en galego Nós tamén creamos, desenvolto polas Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en colaboración coa Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.
Trátase dunha iniciativa que busca promover unha imaxe positiva e actual da lingua galega, favorecer o seu uso e aprendizaxe en novos ámbitos e formatos e dar a coñecer as opcións de ocio en galego que lle ofrece á cativada a sección infantil da páxina web da Televisión en Galicia.
