A chegada do mestre José Luis Tielas á dirección do Conservatorio Profesional de Música de Verín está sendo toda unha revolución, dentro e fóra das aulas.
Aos cambios que está a implementar dentro da propia institución académica, súmase a posta en marcha da que será a futura banda municipal da vila, para a que xa está reclutando novos e máis músicos.
Este venres, ás 20:00 horas, están convocados, no auditorio do Concello de Verín, todos aqueles que toquen algún instrumento de vento-madeira, vento-metal, percusión, violoncello ou contrabaixo e teñan intención de forma parte da nova organización bandística, poden achegarse ata a aula polivalente do centro das artes verinense.
Os interesados poden recibir máis información no teléfono 607 07 26 53.
Aínda que a vila xa contaba cunha organización deste tipo, estaba máis achegada ao Conservatorio de Verín e non tan aberta ao público dos músicos en xeral. Agora, é intención do mestre José Luis Tielas a de "recuperar aquela banda dos anos oitenta e volver a situar a Verín no mapa das mellores bandas de música galegas. Esta comarca ten moita historia, temos aquí a carón a unha localidade, Bousés, cunha impresionante traxectoria no mundo das bandas; estamos cheos de charangas con xente moi profesional e amante da música. Construiremos unha grande banda, non teño dúbida", asegurou José Luis Tielas Santiago, o seu novo director.