Verín contará, de xeito inminente, cun local habilitado para a Asociación Española de loita Contra o Cancro, que servirá de referencia para os pacientes que reciban tratamento nun proceso oncolóxico e tamén para as súas familias.
O hospital comarcal adhírese así, tamén co de Valdeorras, ao complexo hospitalario ourensán logo do convenio de colaboración que este xoves se asinou na capital polo responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras e a presidente da xunta provincial da Asociación Española contra o Cancro, Julio García Comesaña e María Isadora Gómez Segade. Nesa sinatura estaba tamén presente a nova traballadora social para este colectivo no Hospital de Verín, María Isadora Gómez Segade, quen comezará nestes días a prestar o seu apoio e asesoramento as familias dos enfermos de cancro.
O convenio asinado regula e recolle, ademais da cesión de uso dunha sala dentro da instalación sanitaria, a actividade que a entidade sen ánimo de lucro exercerá en prol dos enfermos oncolóxicos da man de voluntarios. O seu obxectivo primordial, tanto destes como do persoal contratado pola AECC, será prestar servizos de apoio e acompañamento e orientación psicolóxica e social, mediante a posta en marcha dun programa específico de atención denominado de "primeiro impacto".
Polo de agora, o Hospital de Verín non contará co “Carriño Don Amable”, un vello coñecido do Santa María Nai e un instrumento de achega, apoio e ruptura co ambiente hospitalario, desde o que se ofrece un café, lectura, un caramelo ou unhas verbas de alento nas plantas de oncoloxía, consultas ou hospitais de día.
COORDINACIÓN E COLABORACIÓN
Mediante a sinatura do convenio, o Sergas comprométese a facilitar a labor de voluntariado facilitándolle un despacho, dotado con liña telefónica e equipo informático, para a reunión dos voluntarios cos pacientes, etc. así como para realizar labores de coordinación ou realizar diversas actividades.
Pola súa parte, a Asociación obrígase a aportar o persoal e voluntarios, facéndose cargo das súas obrigas laborais ou seguros, seleccionar e formar aos participantes, equipalos e identificalos.