viernes. 19.04.2024
José Luis Corral e María Solar, nunha das sesións de Novela Histórica. | FOTO: M. D.
José Luis Corral e María Solar, nunha das sesións de Novela Histórica da pasada edición. | FOTO: M. D.

Aínda quedan entradas dispoñibles para acudir, este venres e sábado, á quinta edición das Xornadas de Novela Histórica que, un ano máis, organiza a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín. 

Segundo confirmaba a organización, a venda de butacas "vai moi ben, pero estamos seguros de que se incrementará nestas vindeiras horas, con aquela xente que sempre se lembra no últimos momentos. Polo de agora levaremos media entrada, e lembramos aos interesados que o protocolo Covid xa nos permite ocupar todos os asentos", din,



Arrincarán estas xornadas este venres 25 de marzo, ás 12:00 horas, cunha conferencia de José Luis Corral e José Calvo Poyato, xa vellos coñecidos desta iniciativa, que coa moderación de María Zabay, disertarán sobre "As fake news na historia". A charla estará só aberta aos alumnos e alumnas dos centros de ensino de Verín e comarca. Estará xa o mestre David Rodríguez Rivada e o seu violonchelo, que nesta edición será o encargado da animación musical entre actos. 



Pola tarde, ás 19:00 horas, arrancará de xeito oficial e para o público en xeral a quinta edición das Xornadas de Novela Histórica. Será un autor local -a primeira vez que se dá nesta iniciativa-, Alberte Blanco Casal o primeiro dos convidados, que falará sobre "A batalla e o tesouro de Rande no Códice Esmeralda".
Na conferencia, baseada no argumento da súa novela "O Códice esmeralda", aparecerán personaxes determinantes na historia europea e americana, como Luís XIV, Ana Estuardo, Felipe V ou Xosé de Sarmiento (Conde de Moctezuma e ex Vicerrei de Nova España), ademais doutros de segunda orde que son os que probabelmente xogaron un rol principal no desenlace da batalla. O cerne do asunto está na Carreira de Indias e na Frota de Nova España que transportaba periodicamente o ouro e a prata, ademais doutras riquezas, dende o continente americano ata o Reino de España. O feito de que en 1702 a arribada desta frota (apoiada por unha armada francesa) non se producise en Cádiz senón en Redondela constitúe uns dos misterios máis sobresaíntes da Carreira.


A intervención de Rivada, ao rematar Blanco Casal, dará paso a María Zabay, quen disertará sobre o amencer do nazismo, coa conferencia "El zapato de la lengua rota". Zabay mergullará ao espectador nos convulsos anos previos ao estalido da II Guerra Mundial, cun protagonista chamado Erhard, alemán de familia acomodada e íntimo amigo de Heinrich Himmler, que é destinado a Polonia como espía do partido Nazi. Con esta novela María Zabay ofrece unha visión moi certeira de como xermina, en situacións moi desfavorables o discurso do odio, que aproveitou Adolf Hitler para converterse en Führer de Alemania (1934 ata a súa morte en 1945), sendo capaz de manipular e convencer ao pobo alemán, que o vían como un salvador que os ía rescatar da profunda crise que arrastraba Alemania dende a perda da I Guerra Mundial.

 

Último día

Con ela rematará a sesión inaugural, que continuará, tamén na tarde do sábado, para pór fin a esta quinta edición. Será de novo Rodríguez Rivada quen coa súa intervención abrirá a quenda verpertina, ás 18:30 horas. Tras el chegarán José Luis Corral e José Calvo Poyato, que disertarán sobre "As fake news na historia", e na que proporcionarán aos asistentes clamorosos exemplos de como na historia da humanidade pasaron a ser considerados como feitos veraces acontecementos absolutamente falsos. A moderadora será María Zabay. 

 

O escritor, editor, xornalista e profesor ad honorem do departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Catedrático (en excedencia) de Lingua e Literatura Galega de educación secundaria (primeira promoción, 1983), e actualmente Presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes (Pontevedra, 1951) intervirá coa conferencia "Memoria e espello de nós", deixando para o remate a Lorenzo Silva, coa súa charla titulada "Castellano: Castilla y los comuneros", título da súa novela na que narra a épica revolta do pobo de Castela contra o abuso de poder de Carlos V, que culminou na batalla de Villalar, o 23 de abril de 1521. As tropas imperiais arroiaron ás das Comunidades de Castela e decapitaron aos seus principais capitáns: Padilla, Bravo e Maldonado. Aquela xornada marcou o declive definitivo dun próspero reino que se estendía ao longo de tres continentes e cuxa disolución deu lugar a un novo Imperio que se serviu das súas xentes e os seus recursos.


Manuel Mandianes Castro (Loureses - Ourense, 1942) é o ilustre escritor, sociólogo e antropólogo limián, misioneiro en Colombia durante 5 anos, encargado de clausurar a quinta edición das Xornadas de Novela Histórica, que xa son referencia no panorama nacional

Arrinca en Verín a fin de semana da Novela Histórica