Icía, a filla de Ana Pontón, a voceira nacional do BNG, obrigou á candidata á presidencia da Xunta de Galicia a adiar unha visita que estaba prevista no mes de xaneiro. Esta mañá, cinco meses despois, a cabeza de lista nacionalista, acompañada Noa Presas, a número un por Ourense ao Parlamento e por Diego Lourenzo Moura, tenente de alcalde de Verín e número catro da lista pola provincia, e o rexedor da Mezquita, o tamén nacionalista Rafael Vázquez, entre outros; saldou esa débeda cos membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei e cos sanitarios do hospital de Verín, entre os que se atopaba o doutor Eugenio Quintas, concelleiro de Servizos Sociais e número 8 da candidatura ourensá do BNG.
Diego Lourenzo (número 4 por Ourense), Ana Pontón (candidata á presidencia da Xunta polo BNG) e Noa Presas (cabeza de lista por Ourense). | FOTO: Noelia Caseiro.
A candidata á presidencia da Xunta de Galicia pola formación nacionalista anunciou ás portas do centro hospitalario que Verín terá condición de área sanitaria se chega a ser presidenta do Goberno autonómico: "Asumimos ao 100 por 100 as demandas da plataforma do Verín non se pecha e un goberno presidido polo BNG dotará a este hospital de máis recursos, máis medios e máis especialidades e, ademais, este hospital será unha área sanitaria independente, cun orzamento propio e capacidade para mellorar a atención médica das veciñas e veciños de Verín", garantíu Pontón.
Asumo o 100 por 100 das demandas de Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei e un Goberno galego presidido por unha muller convertirá a Verín en área sanitaria, cun orzamento e capacidade propios para mellorar a atención sanitaria das veciñas e veciños da comarca
Nesa liña, Ana Pontón confirmou tamén que un Goberno do BNG na Xunta de Galicia acabará coa precariedade na contratación das listas do Servizo Galego de Saúde "cubrindo a totalidade das 6.000 prazas vacantes que agora ten o sistema sanitario do noso país e mellorando en 200 millóns de euros a aportación orzamentaria aos recursos da Atención Primaria, que nola deixa o Partido Popular no chasis".
Rematou a voceira do BNG, Ana Pontón, lembrando a figura dos profesionais sanitarios galegos, dos que dixo que son "o capital máis importante do sistema e o seu recoñecemento non pode vir de outorgar cheques como anunciou Feijóo e que os propios profesionais están dicindo que son unha indignidade e unha frivolidade. O que se necesita é unha sanidade pública robusta, acabar coa precariedade e blindarnos das privatizacións e dos recortes do Partido Popular", concluíu Pontón.
O que Verín e Galiza necesitan é unha sanidade pública robusta, acabar coa precariedade e blindarnos das privatizacións e dos recortes do Partido Popular
A nota tenra do encontro protagonizouna Diego Lourenzo, quen aproveitou a comparecencia pública dos representantes dos BNG para facerlle entrega á súa líder dunha camisola para a súa filla na que se lía "Eu quero unha mamá presidenta", feito que "me deixou sen palabras", asegurou Pontón.
Ana Pontón amosa o agasallo entregado por Diego Lourenzo para a súa filla Icía. | FOTO: Noelia Caseiro.