Martes. 19.03.2024
Berrando "presidente, presidente", plantaron cara ós membros da plataforma que lle deron a noite ó candidato popular

Os alcaldes do PP que defendían o paridoiro encáranse agora cos manifestantes no mitin de Feijóo

Inéditos a imaxe e os momentos vividos ao remate do mitin de Núñez Feijóo na praza da Mercé de Verín. Pouco despois de abandonar o lugar o presidente en funcións da Xunta, alcaldes do seu partido volvéronse cara os manifestantes ó berro de "Presidente, presidente"

O mitin do Partido Popular celebrouse no campo de fútbol da escola mercedaria da vila. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
O mitin do Partido Popular celebrouse no campo de fútbol da escola mercedaria da vila. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Foi o momento máis tenso da xornada deste venres 3 de xullo, no que o presidente en funcións da Xunta de Galicia e candidato polo Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo escolleu para achegarse ata a vila de Verín por primeira vez dende que se desatase a crise polo peche e posterior reapertura do paridoiro do hospital comarcal. Á saída do mitin que el mesmo clausurou no campo de fútbol da escola dos Pais Mercedarios de Verín, foi increpado por medio cento de manifestantes, moitos integrantes da plataforma en defensa da sanidade pública da comarca de Monterrei, que non baixaron os brazos en ningún momento dende que chegaron os primeiros representantes locais do Partido Popular ao mitin electoral previsto. 

Foi á saída de Núñez Feijóo, que á entrada fora recibido coa mesma sinfonía das cazarolas dos críticos e mesmo cun kilo de fariña que un home lanzou ao chan, diante da porta de acceso as instalacións mercedarias, antes de que chegase; cando se viviron os momentos máis tensos. O presidente en funcións saíu acompañado á súa dereita polo voceiro local Jiménez Morán, e dirixiuse ao seu vehículo oficial mentres os manifestantes coreaban consignas en defensa da sanidade pública. O grupo achegouse a pouco máis de 15 metros do coche de Feijóo e as forzas de seguridade, apoiados pola propia escolta do candidato popular, conteron o seu avance ata que abandonou a praza da Mercé o presidente do PP.

Antes de que partise o automóbil, incrementouse de xeito destacado o volume das protestas e, nada máis arrancar, os manifestantes dirixiron as súas voces cara os alcaldes populares que acaban de despedir ao seu líder. Nese momento, tres deles -Luciano Rivero, alcalde de Cualedro; Manuel Cardoso, rexedor de Vilardevós, e José Luis Suárez Martínez, do Concello de Monterrei-, algúns moi cerca da barreira establecida pola Garda Civil, encaráronse co público e comezaron a berrar "Presidente, presidente", erguendo o nivel de crispación xa existente dende media tarde na praza. Tanto Cuquejo como Cardoso enfrontaron claramente ao público, pero foi Suárez Martínez a quen máis crispado se lle viu nese mesmo momento, poida porque nestes días, diante das portas do seu concello, está a sufrir as protestas polo peche, esta vez, do consultorio de Albarellos. 

Antes, o presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, viña de pechar o mitin do Partido Popular na vila verinense, no que tamén participaron a candidata por Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o presidente provincial e da Deputación, Manuel Baltar. 

Núñez Feijóo, con Jiménez Morán, dirixíndose aos xardíns dos Mercedarios, en Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.Núñez Feijóo, acompañado de Jiménez Morán, dirixíndose aos xardíns dos Mercedarios. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

Díaz Mouteira foi a encargada de abrir as sesións de comparecencias. Referiuse ó importante número de partidos que se presentan a estas eleccións para dicir que "non ofrecen garantía na xestión" y quixo lembrar o apoio da Xunta de Galicia aos diferentes concellos comarcais no mitin representados.

Baltar dixo que "estes son uns comicios locais, no que eleximos ao alcalde de Galicia, a Núñez Feijóo. É unha honra estar aquí pedindo o voto para el, para o que é sen dúbida o mellor alcalde que Galicia pode ter". 

Logo del, tomou a quenda o candidato á presidencia polo PP, Alberto Núñez Feijóo, quen dixo sentirse máis "estimulado por estar falando aquí na miña terra". Lembrou que nas súas previsións de Goberno para os vindeiros catro anos, está a de comezar a medrar de novo "no ano 22" e convidou ao público a que fagan como "fixemos no 2009, no que non se deu un voto por perdido e coas enquisas na nosa contra, fomos quen de gañar as eleccións. Galicia precisa dun Goberno que dé seguridade e non dun no que haberá que repartir as consellerías entre nada menos que dez partidos", sinalou, para rematar pedindo o voto porque "nós estamos aquí para traballar por Galicia". 

Os alcaldes do PP que defendían o paridoiro encáranse agora cos manifestantes no mitin...