O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, solicita a Xunta a creación dun polígono agroforestal adicado ao viñedo que rexenere tantas hectáreas, cifradas nunhas 600, como queimaron os recentes lumes en Verín. Xa o anunciara na presentación da XV edición da Feira do Viño de Monterrei, e hoxe venres farálle en persoa esa petición ao conselleiro de Medio Rural, José González, que visita Oímbra para reunirse cos alcaldes e responsables das comunidades de montes afectados polo lume na comarca.
"Verín debe ser compensado con políticas activas que non só rexeneren, senón que poñan realmente en valor os terreos afectados", afirmou o rexedor, que solicitou ao conselleiro do Medio Rural a creación dun polígono agroforestal de 600 hectáreas "con todos os incentivos e facilidades" para que se adique a incrementar con viñedo e outros cultivos compatibles a superficie produtiva da D.O. Monterrei.
Segundo o alcalde, hai que facer da necesidade unha oportunidade, e tratar de convertir en algo positivo os recentes desastres. "A Xunta ten que manifestar un compromiso claro co momento doce que vive a D.O. Monterrei", dixo, "e que mellor maneira que compensando con chan útil, con todas as dotacións, para a rexeneración agrícola". Ademais, os polígonos tamén servirían de protección de lume cara o futuro.
"As zonas periurbanas de Verín, como as que arderon, foron sempre viñedos na nosa comarca. E viñedos bós: basta con visualizar unha foto antiga de Verín para comprobalo", asegurou o primeiro edil verinense.