
A asociación de comerciantes de Verín, Aever, está traballando na posta en marcha dun grande centro comercial virtual do que formarán parte todos os asociados do colectivo que así o soliciten e no que cada tenda física da vila terá tamén o seu propio escaparate nesa páxina para poder vender os seus produtos na rede. Así o asegurou José Ángel Rodicio, xerente do colectivo, quen explicou que esa plataforma, que xa elabora unha empresa de programación local -Senda Dixital- será "como as que podemos atopar en Internet, integrando o pago e o envío, que se fará contando coas empresas de mensaxerías locais. Estará enfocada, fundamentalmente, ao público local, é dicir, unha persoa de Videferre (Oímbra), non terá porque mercar roupa nun maiorista con sede en Madrid ou Barcelona, poderá mercala nun comercio de Verín e terá as mesmas comodidades que tería se a mercase por Internet fóra daquí", adianta Rodicio.
O responsable executivo de Aever convida a todos os asociados a que se decidan a participar no proxecto, "que nos permitirá incluso poder venderlle a moitos dos nosos paisanos que se atopan na emigración ou noutros puntos da península, sabendo que coa súa compra estarán axudando ao comercio da súa terra", afirmou José Ángel Rodicio.