
Nova campaña de promoción do comercio local organizada por AEVER co obxectivo de incentivar as vendas nos establecementos comerciais da vila. O venres, 30 de xuño, terá lugar a festa "Eu merco en Verín", unha xornada chea de actividades para a cativada.
A intención de AEVER é incrementar a atracción do comercio local, incentivando as vendas e a mobilidade da clientela polas rúas comerciais de Verín, ofrecendo entretemento á cativada nunha xornada festiva con inchables, xogos interactivos e xogos "desenchufables". Ademais, haberá pasarrúas co obxectivo de ofrecer un ambiente musical e festivo á vila.
Para poder participar nas actividades, haberá que conseguir os tíckets mercando nos establecementos asociados a partir do vindeiro luns, día 19; uns boletos que se poderán canxear na carpa que AEVER ubicará na Praza do Concello de Verín o día da festa "Eu merco en Verín".
As actividades programadas para a cativada desenvolveranse en 14 puntos distribuídos polas rúas de Verín, en horario de mañá e tarde. Un sistema de pulseiras de cores dará acceso ás actividades; pulseiras que se poderán conseguir coa entrega de tres tíckets de compra máis 5 ou 7 euros, dependendo de se queren participar media xornada ou toda a xornada festiva.