miércoles. 09.10.2024
Candidatura PSOE Verín 28M2023
O PSdeG-PSOE opta á alcaldía de Verín logo de dous mandatos integrado no cogoberno municipal.

O PSdeG-PSOE de Verín vén de presentar a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais convencidos de que está formada por "un equipo con oito anos de boa experiencia no traballo pola transformación de Verín", afirma Gerardo Seoane, candidato á alcaldía por terceira vez.

Unha candidatura integrada por 22 persoas, 5 de elas como suplentes. "A experiencia de oito anos de goberno é un aval para este equipo; levamos traballado duramente pola transformación urbanística e económica do municipio e mantemos ás persoas que xa teñen esa experiencia como concelleiras e concelleiros", subliñaba a ista redacción a cabeza de lista dos socialistas de Verín, Gerardo Seoane.

Dende a formación socialista apostan por unha "nova etapa para dar continuidade ó traballo xa feito e impulsar con máis forza a transformación económica do concello" como obxectivo prioritario da súa proposta para a vindeira lexislatura. Con ista idea, preséntanse ás eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio.

"Somos un equipo de persoas que mantivo a calma na xestión municipal; levamos oito anos de paz, gobernando sen os follóns que sempre houbo na vila", continúa Gerardo Seoane. Neste sentido, os socialistas de Verín aseguran que "seguiremos mantendo ese estilo tranquilo e a calma necesaria para ofrecer o maior respecto ás veciñas e ós veciños de Verín", no caso de ser elexidos nas vindeiras eleccións municipais.  

A IMAXE... | Da candidatura do PSdeG-PSOE ao Concello de Verín