domingo. 19.07.2026
A Coruña congregou unha marea de xente pedindo a derogación da lei

A IMAXE DE... | O espectacular respaldo social na protesta contra a lei do medicamento veterinario

20250223 Manifestación veterinaria na Coruña derogar decreto 666 medicamentos veterinarios (2)
A manifestación saía dende a zona do Obelisco e dirixiuse ás portas da Delegación do Goberno para pedir a derogación do Real decreto 666.

A profesión veterinaria está en loita polas "desastrosas consecuencias para o benestar animal" que vai supor a aplicación da nova normativa dos medicamentos veterinarios. Proba delo é a manifestación que houbo na Coruña o domingo, na que pedían a derogación do Real Decreto 666/2023 por "atacar á dignidade profesional, cargarse o criterio clínico e minguar a calidade asistencial aos animais".

 

Convocada polos Colexios Veterinarios de Lugo e A Coruña, e respaldada pola organización EVGal (Empresas Veterinarias de Galicia), a protesta contou cun grande apoio por parte da cidadanía. Unha marea de persoas encheron as rúas do centro coruñés para dirixirse cara á Delegación do Goberno en Galicia, onde foi lido un manifesto para pedir a derogación da normativa. Foi unha máis das múltiples mobilizacións que se deron no Estado contra a aplicación do Real Decreto 666/2023.

20250223 Manifestación veterinaria na Coruña derogar decreto 666 medicamentos veterinarios (1)
Á esquerda, María Xesús Blanco Sobrino, do centro veterinario verinés Albeitar e secretaria de EVGal.

 

A veterinaria María Xesús Blanco Sobrino, do centro veterinario verinés Albeitar e secretaria da organización Empresas Veterinarias de Galicia, asistiu á manifestación días despois de explicar a este xornal as consecuencias da aplicación da normativa.

 

Con múltiples pancartas con lemas como "Deixade ás veterinarias e veterinarios traballar" ou "Saúde animal sen barreiras", a profesión veterinaria dixo basta a unha normativa que limita a súa liberdade e o seu criterio clínico á hora de prescribir os medicamentos sanitarios, co consecuente detrimento da atención sanitaria aos animais.

20250223 Manifestación veterinaria na Coruña derogar decreto 666 medicamentos veterinarios (3)
Unha marea de xente inundou as rúas do centro coruñés apoiando a protesta veterinaria.

Pediron a derogación do Real Decreto 666/2023 mentres se escoitaban arengas en contra da normativa: "Menos burocracia, máis eficacia", "Animais sanotes, menos papelotes", "A liberdade de prescrición, ao carallo coa administración". O colectivo continuará mobilizándose ata conseguilo; a próxima manifestación será en Madrid o 5 de marzo, e o domingo 9 de marzo estarán en Santiago de Compostela.

A IMAXE DE... | O espectacular respaldo social na protesta contra a lei do medicamento...
Comentarios