sábado. 27.04.2024
castiñeiros
O encontro terá lugar no Multiusos do Riós. | FOTO: Noelia Caseiro.

Que os soutos poden converterse nun dos principais motores económicos das zonas rurais da comarca é ben sabido dende hai tempo. Tamén que o despoboamento e o envellecemento que sofre o rural dende hai décadas é un dos principais problemas á hora de que se faga realidade o impulso da economía nestes concellos.

Coa intención de analizar os retos e oportunidades que ofrece este sector, no que a provincia é a principal produtora de Galicia, vaise celebrar no Riós a segunda edición do Foro da Castaña; un encontro profesional que se centrará nas técnicas e boas prácticas que inciden no axeitado desenvolvemento das producións dos castiñeiros.

Ó longo de dous días, 6 e 7 de outubro, Riós acollerá un encontro que busca poñer en valor o sector da castaña. Un foro no que se abordarán cuestións relativas á recuperación dos soutos e do seu mantemento. Entre outros temas, falarase sobre a xestión conxunta de soutos tradicionais, dos tipos de castiñeiros e sobre o correcto tratamento das árbores coa poda e a loita contra as pragas.

castañas
O foro busca poñer en valor o sector da castaña. | FOTO: Noelia Caseiro.

Un dos aspectos máis importantes no sector é a revalorización da castaña, motivo polo que haberá un relatorio centrado nas recomendacións para mellorar a comercialización do produto. Tamén, unha exhibición de cociña e repostaría con castaña de Galicia, outro xeito de incrementar os beneficios.

Ademáis, organizarase unha visita técnica á comarca do Bierzo para coñecer exemplos de boas prácticas. A saída permitirá coñecer unha plantación de castiñeiros con orientación agrícola, unha agrupación de produtores de venda e comercialización de produto fresco, unha empresa de conxelación de castañas e unha experiencia empresarial familiar de transformación e venda de castaña.

Organizado polo INORDE, o II Foro da Castaña celebrarase no edificio multiusos do Riós. Para participar, será necesario inscribirse antes do 30 de setembro. A inscrición pódese realizar no propio Centro Agroforestal do Riós, a través do teléfono 988 42 30 07, ou ben a través do email: [email protected].

NOTICIAS VERÍN | Retos e oportunidades dos soutos como motor económico na bisbarra