Venres. 29.03.2024
Eva Barrio, alcaldesa de Riós. | FOTO: Iván Iglesias.
Eva Barrio, candidata do Partido Popular á alcaldía de Riós. | FOTO: Iván Iglesias.

Falamos con Eva Barrio, actual alcaldesa do Riós logo da renuncia de Francisco Armando Veiga hai pouco máis dun ano. Neste 28 de maio, enfróntase ás suás primeiras eleccións como cabeza de lista polo Partido Popular.

Hai un mes falabamos con vostede para celebrar o seu primeiro ano como alcaldesa do Riós, pero nunca fora cabeza de lista. Como afronta as súas primeiras eleccións como candidata á alcaldía?

Afróntoas con moita ilusión, con moita esperanza e con forza. Non é a primeira campaña na que participo e conto cun excelente equipo de xente de todas as idades, totalmente paritario e con moito empuxe, no que se combina a experiencia e a renovación. Cun programa que conta con proxectos para seguir construíndo o futuro de Riós, ambiciosos e que marcarán as liñas do que queremos sexa o Riós do futuro.

A número dous do seu partido, Laura Calvo, renunciou a asumir o “bastón de mando da alcaldía”. Por que decidiu aceptar vostede o nomeamento?

Aceptei asumir a alcaldía porque os meus compañeiros, e a dirección do partido, así mo pediron. Como funcionaria de carreira que son, desde o ano 2007, que vive e vai seguir vivindo exclusivamente do seu traballo e non do Concello, teño un sentido moi acentuado do que é ser servidora pública. O sentido do deber é algo que teño moi interiorizado na miña maneira de vivir, como non aceptar?

É responsabilidade nosa sentar as bases para que as persoas que queiran vivir no rural teñan a oportunidade de poder facelo

Vostede recoñecíanos que o primeiro ano foi moi duro en canto a xestión e moi reconfortante, ó mesmo tempo. Como foi a campaña electoral?

Considero que a mellor campaña electoral é a que se realiza durante toda a lexislatura, co traballo constante e ao carón da xente. Pero, se me pregunta por estes 15 días, están a ser intensos. Moi satisfactorios coa xente, que non “xentiña” como lles chama o meu adversario político. É unha oportunidade para estar con elas e eles e coñecer de primeira man as súas inquedanzas e necesidades.

Tamén ten os seu momentos malos. Por exemplo, escoitar as críticas nada construtivas do grupo da oposición, non de cara a min, que esas non me preocupan, senón as que se refiren aos traballadores e traballadoras do Concello, o que pon de manifesto a súa falta de obxectividade e rigor; isto é algo que me molesta profundamente. Non entendo como quen pretende gobernar o concello pode manifestar publicamente semellante opinión.

Estamos a traballar na creación dun Consorcio de Augas para a comarca, e que entre todos podamos resolver os problemas de abastecemento e saneamento

Un dos principais problemas de Riós, e de todo o rural, é a despoboación. Que propón o Partido Popular para solucionalo?

O despoboamento do rural é un problema que se lle queda grande a calquera dirixente local. Non obstante, é responsabilidade nosa sentar as bases para que as persoas que queiran vivir no rural teñan a oportunidade de poder facelo. A xente quedaríase no rural se tivera as mesmas oportunidades que ten a xente da cidade: traballo, vivenda, educación, sanidade e oportunidades de ocio. No rural falla o primeiro piar, traballo, e neste senso é no que hai que traballar.

Nun concello como Riós, ademais de expremer ao máximo a agricultura, a gandería e o sector forestal, temos que ir abrindo outros frontes como o sector cultural e turístico; e ata onde se poda o industrial, que temos que explotar a nivel comarcal xerando sinerxias.

E respecto ó recorrente problema do abastecemento de agua nas aldeas, vaino solucionar nesta lexislatura se gana? Que medidas propón o PP para solucionalo?

Este é o problema máis grave ao que nos imos enfrontar nos próximos anos. Nel xa estamos traballando neste momento, minimizando as perdas de auga na rede de abastecemento, nos depósitos de almacenamento de auga potable, na renovación de depósitos como, por exemplo, o de Sampaio, no aumento de captacións como, por exemplo, o da Veiga do Seixo, na construción de pozos de bombeo con placas solares como, por exemplo, o do Mourisco ou nas Vendas da Barreira.

Sendo realistas e coñecendo o funcionamento das administracións, coñecemento do que carece absolutamente a oposición, estamos a traballar na creación dun Consorcio de Augas para a comarca, e que entre todos podamos resolver os problemas de abastecemento e saneamento.

A nosa idea é abrir outros cultivos, como son a recuperación das zonas de viñedo tradicional e a implantación de oliveiral

A castaña e os cogumelos son dous dos produtos estrela de Riós, fundamentais na economía local; que proxectos ten o PP para dar un paso máis e apoiar a transformación e crear una verdadeira industria?

Este ano tivemos en Riós o primeiro “Foro da Castaña”, no que expuxeron distintas industrias de primeira e segunda transformación de Galicia e incluso de Castela e León co fin de divulgar e animar a novos emprendedores. Neste senso é no que imos traballar, facilitando a novos emprendedores o seu asentamento e axudándolles a vender os seus produtos no mercado.

Sen embargo, non nos imos centrar só na castaña. A nosa idea é abrir outros cultivos, a través da fórmula de polígonos agrarios, como son a recuperación das zonas de viñedo tradicional e a implantación de oliveiral. Isto é realismo e non contos de promesas que non se van a cumprir.

Ó longo da súa campaña falaron de distintas propostas para fomentar a cultura, o turismo e pór en valor os recursos naturais de Riós; que medidas concretas queren levar a cabo dende o PP?

Efectivamente, este é un punto importante: explotar os nosos recursos naturais e culturais. No noso programa electoral propomos facer unha ruta de sendeirismo que percorra os nosos ríos, baseada nas presas e nos muíños, na que faríamos partícipes, se así o desexaran, aos concellos de A Gudiña, Vilardevós e á Cámara Municipal de Vinhais.

Lograr que “A Queimada” de Castrelo de Cima sexa Festa de Interese Turístico de Galicia sería un piar fundamental, fomentar a Ruta do Talento, recuperar a Curva do Enxeñeiro España, etc. A rodaxe dunha longametraxe en distintos lugares do noso concello é un proxecto pioneiro que dará para falar de Riós. Para todo isto é necesario seguir gobernando e iso esperamos dos nosos veciños.

Que outras necesidades urxentes existen no Concello de Riós e como propón solucionalas?

Unha necesidade é o arranxo das rúas dos pobos, no que xa estamos traballando e seguiremos facéndoo durante os próximos catro anos. E o aforro enerxético, no cal xa temos camiño andado coa dotación de instalacións fotovoltaicas ou de enerxías limpas nas edificacións municipais e o bombeo e a instalación de alumeado LED nos pobos que restan.

ENTREVISTA | Eva Barrio: "Teño un sentido moi acentuado do que é ser servidora pública"