domingo. 19.07.2026
Unha das nove candidatas na categoría "Agricultora, gandeira ou profesional do campo"

Purificación García camiña cara aos Premios Muller Rural Galicia 2026 dende as súas vides de Oímbra

Purificación García, cofundadora de Bodegas Triay  | FOTO : Anabel G. Simón.
Purificación García, cofundadora de Bodegas Triay. | FOTO: Anabel G. Simón.

O noso territorio volve situarse no mapa do liderado feminino. No marco do Congreso da Muller Rural, que converterá a San Xoán de Río no epicentro do recoñecemento ao papel feminino no medio rural entre o 20 e o 22 de febreiro, as mulleres da nosa bisbarra brillan con luz propia.

Nesta constelación de talento que non entende de códigos postais, destaca un nome que sabe a terra e a historia: Purificación García, viticultora de Oímbra. Nomeada na categoría de "Agricultora, gandeira ou profesional do campo", Purificación é moito máis que unha viticultora; é a gardiá dun legado que flúe por seis xeracións na Denominación de Orixe Monterrei.

Unha vida entre acios

Cando Purificación fala de viño, non fala de industria, fala de vida. Nacida entre uvas, lembra con agarimo aqueles tempos nos que o viño de Monterrei viaxaba en tanques e se selaban amizades con cada carga. Dende 2004, como cofundadora de Bodegas Triay soubo transformar a tradición granelista na excelencia dunha marca que honra aos seus antepasados elaborando viños de alta calidade e produción limitada.

A súa aposta non é só produtiva, é emocional e turística. A través das súas rutas guiadas, Purificación convida ao visitante a entender que o rural non é unha paisaxe estática, senón un ciclo vivo: dende a poda de marzo ata o eclosión de cor no outono. "Damos valor ao que somos", parece dicir en cada paso que dá polas sete hectáreas de viñedos situados nas ladeiras da montaña do Rosal.

A túa voz conta

O camiño cara ao premio pasa primeiro polas mans da cidadanía. Dende o pasado 2 de febreiro e ata o día 15, está aberta a fase de votación popular na web oficial do Congreso da Muller Rural. As tres candidatas máis votadas en cada categoría pasarán á gran final onde un xurado profesional decidirá as gañadoras.

Purificación é unha das nove candidatas na súa categoría, dentro dun certame que superou todas as expectativas con máis de 80 mulleres inscritas. Non é a única da bisbarra candidata aos premios, o compromiso institucional tamén está representado nesta cita con dúas das nosas alcaldesas nominadas; un fito que reforza o peso das nosas veciñas na transformación do noso territorio e no orgullo da identidade rural.

O Congreso onde se enmarcan estes premios non é unha simple entrega de galardóns. Trátase dun espazo organizado por Tú Repueblas, a Asociación Española Multisectorial de Microempresas (AEMME) e o propio Concello de San Xoán de Río co obxectivo de poñer en valor o papel transformador das mulleres que lideran o presente e constrúen o futuro do rural galego.

Purificación García camiña cara aos Premios Muller Rural Galicia 2026 dende as súas...