A Acrópole de Monterrei volveu ao Parlamento de Galicia como tema central dunha nova disputa entre o Bloque Nacionalista Galego e a Xunta de Galicia. Mentres o BNG "lamenta que o PP non aclarase en que se concretarán os 14M€ de Europa destinados a rehabilitar o castelo de Monterrei", o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacaba o bo ritmo das obras do Castelo de Monterrei que converterán "este concello ourensán nun gran polo de atracción do ámbito turístico e cultural".
Foi o deputado do BNG Secundino Fernández quen plantexou varias preguntas relativas ao estado das obras, recriminando que que os prazos de execución xa aumentasen de dous a catro anos e que a información das mesmas é limitada e está reducida ás notas de prensa do goberno galego. Dende o BNG salientan que é preciso "facer seguimento da planificación e execución orzamentaria" da que é "a maior inversión por parte da Xunta de diñeiro público nun ben histórico nos últimos anos" e denuncian que "a Xunta de Rueda non permitiu ao BNG nin o acceso á documentación do expediente dos investimentos nin a visita ás obras."
Un presuposto de 14M€
Certo é que a rehabilitación do Castelo de Monterrei conta co maior presuposto dentro do Plan Xacobeo Next Generation, no que a Xunta xestiona 22,7M€ para rehabilitar 12 Bens de Interese Turístico (BICs). Pero as obras que se están a realizar e os 14 millóns de euros destinados seguen sendo fonte de conflito. Incluso a procedencia do orzamento: o BNG aclara que son cartos de Europa e a Xunta fala de investimento propio; cousas de comunicación política.
A realidade é que os cartos son fondos Next Generation, o famoso plan temporal concebido pola Unión Europea para impulsar a recuperación de Europa tras a pandemia da COVID-19. Préstamos e subvencións concedidos aos Estados membros que, en España, xestiona o Goberno do Estado outorgándoos a aquelas organizacións que presenten proxectos que encaixen cos eixes estratéxicos do plan.
Que se está a facer na Acrópole de Monterrei?
Máis aló da procedencia dos fondos, ao BNG preocúpalle a "privatización encuberta" do espazo e lembra o "abuso que toda a comarca mantén na memoria pola construción dun hotel no castelo xustificada pola Xunta como única maneira de rehabilitar e conservar o monumento". E reclama información concreta sobre os elementos arquitectónicos nos que se están a executar as obras, a que edificios, instalacións ou restos afectan estas obras, e a que van ser destinados os elementos obxecto de rehabilitación.
Xosé Merelles foi o encargado de dar as explicacións no Parlamento e subliñou que se está a realizar unha restauración estrutural e paisaxística. Unha intervención en máis de 20.000 metros cadrados, concretamente en espazos como a casa cuartel, o antigo Concello de Monterrei, a Torre de San Francisco e Corpos de Garda, o centro de visitantes, os accesos das portas sur e norte e da ronda oeste e nos terreos da Praza do Mercado. A actuación ten como obxectivo o goce por parte de toda a cidadanía con miradoiros, sendeiros e incremento da capacidade aloxativa. Concretamente, no espazo que vai da porta sur -onde se encontra o antigo Hospital de Peregrinos- ata a Torre da Homenaxe, o edificio do cuartel xeral, preténdese dotar ao complexo de aloxamento, actividades recreativas e espazos interpretativos.
Sen embargo, para Secundino Fernández o verdadeiro atractivo deste Ben de Interese Cultural (BIC) reside na fortaleza, que "ben coidada e promocionada si serviría para revitalizar o turismo da zona e mesmo para permitir a supervivencia do Parador existente anteriormente".

