O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Viana do Bolo solicita a Iberdrola a subida do nivel de auga do encoro do Vao, en Viana do Bolo, tras advertir do descenso do caudal cando está a piques de celebrarse a regata da Copa Deputación de Piragüismo, que organiza a Federación Galega de Piragüismo, para garantir que a competición celébrase "en condicións de seguridade".
Nun comunicado enviado ós medios, os socialistas sinalan que o nivel da auga "comezou a baixar a inicios desta semana", coa conseguinte diferenza de altura entre o caudal e a plataforma, que ao ser fixa, require, din, que as canoas sexan apeadas, co conseguinte risco que a manobra conleva para os participantes.
Dende o grupo local, indican que a baixada do caudal xusto ás portas da celebración da regata –que terá lugar este domingo e na que participan arredor de douscentos piragüistas–, tamén deixa á vista edificacións que estaban anegadas así como vexetación e árbores. Por iso, demandan á operadora que atenda as demandas e eleve o caudal co obxectivo de que a competición sexa disputada "co maior nivel de seguridade posible".
"Iberdrola pode subir o nivel da auga e neste caso consideramos que é unha cuestión de responsabilidade facelo, de maneira que este encontro poida celebrarse de maneira segura e coa tranquilidade de saber que os participantes contan coas condicións óptimas para que a regata sexa todo un éxito", conclúen.
Cartel da Copa Deputación.