miércoles. 24.04.2024
Estela Barreira, presidenta del Verín Sala. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Estela Barreira, presidenta do Verín Sala. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Estela Barreira é arquitecta, ten 31 anos e, ademais, é a recentemente elixida presidenta do Verín Sala, o equipo verinense que o vindeiro fin de semana do 3 de outubro estreará non só equipación deportiva, senón tamén directiva. Competirá na Preferente Sur autonómica, co firme propósito de avanzar chanzos ata chegar, "polo menos", di a presidenta, "a colocar este deporte como referente para a moita afección e mozos que o seguen e practican, e, se se pode, acadar os fitos daquel sempre querido e lembrado Estreliña", avanza. 

Como foi o contacto de Estela Barreira con esta disciplina?

Eu, aínda que non o pareza, xoguei ao fútbol sala, cando alá por comezos dos anos 2000 existía unha competición de afeccionados no que chegou a haber tamén unha liga feminina. Logo, como os meus amigos e o meu entorno, ben xogaban ou ben ían ver partidos a fin de semana, non perdín o contacto con esta disciplina e agora tento devolver algúns deses bós momentos loitando pola consolidación deste clube. 

E como chegou á presidencia?

Como xa comentei, eu era unha afeccionada máis na bancada do equipo estes últimos anos. Cando pouco antes da pandemia vimos que comezaba a apreciarse algo de risco de que o clube desaparecese porque a directiva naquel momento amosaba xa síntomas de cansazo, parte da afección quixemos colaborar e dela xurdimos seis persoas con ganas de adicarlle un pouco máis de tempo á xestión do clube. Quero recalcar que aínda que eu sexa a faciana máis visible, comigo están cinco membros máis que traballan ao meu carón e sen os que non sería posible tentar acadar os obxectivos plantexados. 

Queremos dotar ao clube dunha organización sólida e unha estrutura solvente que nos permita ter estabilidade a medio e longo prazo. Iso non quere dicir que rexeitemos loitar polos logros deportivos

Xa que falou de obxectivos, cales son para esta tempada?

Creo que aínda que temos moita ilusión e ganas, debemos ser prudentes nas expectativas. Inicialmente queremos dotar ao clube dunha organización sólida e unha estrutura solvente que nos permita ter estabilidade a medio e longo prazo. Iso non quere dicir que rexeitemos loitar polos logros deportivos. O noso primordial obxectivo é conseguir que o Verín Sala sexa referente para todas esas novas xeracións que xa se forman nesta disciplina nas escolas deportivas do Concello, e tamén para toda esa afección local, que sempre foi moita e moi apaixoada do fútbol sala. 

Estela Barreira, presidenta del Verín Sala. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.Estela, nun dos adestramentos do seu equipo. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

Cando arrinca a tempada?

Será o fin de semana do 3 de outubro contra o Pazos de Borbén, no pavillón municipal. Haberá unha presentación oficial do equipo e abriremos, a todos aqueles que queiran apoiar ao clube, a captación de socios cunha cota modesta de 5 euros para todo o ano. Tamén queremos abrir as portas a todas aquelas empresas que queiran colaborar con este proxecto, sei que Verín e comarca sempre apoiou moito ao fútbol sala. 

E para cando unha sección feminina no Verín Sala?

Oooooooh -exclama-, para min sería todo un fito ter unha sección feminina. Chegará, pero antes queremos consolidar a estrutura do clube, a financiación e conquerir algún éxito deportivo que manteña intacta a ilusión da afección. A medida que medremos, medrarán as nosas ambicións. 

Estela Barreira: "Queremos acadar, como mínimo, os fitos daquel querido e lembrado...