viernes. 19.04.2024
Festa Lacón Grelos Cuntis 2023 (1)
O tradicional "Lacón con grelos", plato que simboliza o final do Entroido. | FOTO: Concello de Cuntis.

A XXIV Festa do Lacón con Grelos de Cuntis celebrarase, como cada ano, no domingo posterior ó domingo de Entroido. Nista edición, o día 26 de febreiro. Nembargantes, os festexos terán lugar ó longo de toda a fin de semana, arrancando o venres, día 24, coa Gala do Chapante, figura que representa unha crítica mordaz ás xentes lambonas e preguiceiras. A popular actriz Eva Iglesias será a pregoeira dun evento que presenta un apretado programa de actividades no que a música terá un papel destacado e a artesanía local comparte espazo coa xornada gastronómica.

A vila de Cuntis leva máis de dúas décadas celebrando unha festa que combina a exaltación da gastronomía típica do inverno cos últimos días do Entroido, nun festexo declarado de Interese Turístico de Galicia que se vén facendo dende 1998 coa intención de promocionar o seu rico patrimonio natural e cultural. Punto final do Entroido na vila, o evento recuperou a tradición do enterro do Chapante, alcume que reciben na bisbarra os oriúndos de Cuntis, acompañado pola comitiva fúnebre que chora a morte do personaxe que van queimar.

Plato típico da gastronomía tradicional, o protagonista da xornada é o cocido de lacón con grelos acompañado das imprescindibles filloas que se poden degustar na gran carpa instalada polo Concello de Cuntis e nos restaurantes e casas de xantar da localidade. Exposicións, obradoiros e un sen fin de actividades promocionan a historia deste prato típico e doutras manifestacións culturais da localidade. “Estamos convencidos de que a convocatoria será multitudinaria. O programa é moi completo e a xente da contorna bota de menos esta festa”, apunta Manuel Campos, alcalde de Cuntis, que confía no tirón deste evento como revulsivo para a hostalaría, a hotelería e o comercio local.

Festa Lacón Grelos Cuntis 2023 (2)
Ó longo da xornada, degústanse milleiros de racións do tradicional lacón con grelos. | FOTO: Concello de Cuntis.

 

A música terá un papel destacado na XXIV Festa do Lacón con Grelos de Cuntis. O venres, día 24, actuará o grupo “Supermirafiori”; o sábado será a quenda do concerto solidario de “Los Secretos", a racadación destinarase á Asociación Española Contra o Cáncer, a Agadea Alzheimer e a Aneria (que traballa con diagnosticados de diabetes), e da fran festa "Guatequelacón" a cargo da disco-móbil Chocolate. Pero, durante toda a fin de semana, a música percorrerá as rúas da vila a cargo da Agrupación de Música e Baile Tradicional e da Banda de Acordeóns de Cuntis, da Banda Municipal de Música de Vilaboa, da Escola de Música de Cuntis e da Banda de Música de Lubián (Zamora).


O domingo é o día grande da festa, xornada na que a artesanía da zona compartirá protagonismo coa degustación gastronómica. Abriranse as distintas mostras programadas: “A camelia no Lacón con grelos”, “Un baño de mel”, “O traxe tradicional de Entroido”, “Cerámica de Castrolandín” e a "Mostra de Encaixe das palilleiras". Ademais, estrearase a obra “Augas de Cuntis”, unha rumba composta polo mestre-gaiteiro Xoan Carlos Rilo. Noela Torres, restauradora técnica de AGA, realizará un showcooking sobre as diferentes formas de preparar o lacón con grelos.

Xa pola tarde a programación céntrase na cativada coa apertura de inchables, a actuación infantil “Peor Imposible”, o obradoiro de filloas e a actuación do grupo “All Stars”. Os festexos rematarán ás 19.30 horas co velorio e posterior enterro do Chapante.

A XXIV edición da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis une gastronomía e Entroido