
Esta mañá, o Concello de Verín presentou no Balneario de Caldeliñas a app de realidade aumentada “Time Trip Caldeliñas”, deseñada pola empresa Xoia Software Development, que reconstrúe con animacións en 3D o Balneario de Caldeliñas no seu momento de maior esplendor.
O acto de presentación correu a cargo do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e do tenente de alcalde, Diego Lourenzo Moura, quen acompañados de Xoel Vázquez e Cristina García Souto, director executivo e directora de proxectos de Turismo e Cultura da empresa Xoia Software Development, mostraron o funcionamento desta innovadora aplicación.
Os representantes municipais, tras felicitar aos creadores da aplicación polo seu “gran traballo” destacaron a “gran potencialidade” que ten esta tecnoloxía para “democratizar a cultura e o coñecemento, permitindo a calquera usuario viaxar ao pasado e coñecer de maneira rigorosa a vez que divertida enclaves de especial interese histórico utilizando tan só o seu terminal móbil”.
“Time Trip Caldeliñas” é unha aplicación gratuíta interactiva baseada na Realidade Aumentada que posibilita, a través do móbil (smartphone) ou mesmo unha tablet, reconstruír o pasado sobre o que estamos a ver en tempo real. Utilizando un sistema de peanas, recreacións 3d e completas informacións explicativas, permite -con tan só un xesto- trasladar ao visitante a través das distintas estancias e esceas da vida diaria do histórico Balneario de Caldeliñas a finais do século XIX e principios do século XX,
Segundo explican os seus desarrolladores, “trátase de traer o pasado ao presente de forma viva, ofrecendo un produto con rigor histórico, que dea un paso máis no entretemento turístico-cultural, supoñendo, ademais, un aforro en custos e mantemento ao reducir a infraestrutura necesaria para musealizar o xacemento ou aumentar o valor engadido da visita aos monumentos da túa cidade”.
COMO FACER AO CHEGAR A CALDELIÑAS
Na zona do estacionamento do recuperado balneario, o visitante atopará unha peana (soporte explicativo) explicativa de como funciona esta novidosa aplicación para móbiles. Alí mesmo poderá descargala escaneando o código QR impreso na mesma, ou dende internet.
No momento en que o dispositivo do lector xa teña instalada a aplicación, únicamente deberá desprazarse polo interior do balneario de Caldeliñas. Nel, figuran outras catro peanas máis que, unha vez iniciada a app no terminal, bastará con enfocalas para que o propio sistema as recoñeza e traslade ao visitante ao momento de maior esplendor do recinto.