Xoves. 28.03.2024
Cartaz Letras Galegas 2021 Viana
Cartel das actividades de Viana do Bolo polo Día das Letras Galegas 2021.

Este mércores tivo lugar a primeira actividade enmarcada no proxecto "Maio: mulleres e letras" instada polo Concello de Viana do Bolo co gallo da celebración, este mes, do Día das Letras Galegas. 

A iniciativa do concello, que este ano pretende pór en valor ás escritoras galegas, xurdiu a raiz de que este ano 2021 coincide co centenario do falecemento de dona Emilia Pardo Bazán e coa homenaxe das Letras Galegas á poeta Xela Arias (quinta muller en conseguir esta distinción).

Así, a organización desta data foi levada a cabo pola Concellería de Cultura, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres (CIM), co obxectivo de "recoñecer e reivindicar o papel das nosas escritoras e tamén o papel que moitas mulleres anónimas tiveron na conservación e divulgación da nosa cultura e tradición", tal como comunican dende o Concello.

A actividade de onte, que se reiterará todos os mércores do mes das flores, tivo como título "Aprende coas muleres galegas", e desenrolouse a través das redes sociais do Concello. Foi unha proposta en forma de material didáctico, que pretendeu dar a coñecer e afondar na vida de grandes mulleres galegas como Luz Pozo Garza, María Victoria Moreno, Xela Arias, Emilia Pardo Bazán, etc.

Outras actividades

Celebraranse, ao longo desde mes, outras actividades no mesmo eido, como son:

  • “Lecturas recomendadas”: a través das Redes Sociais publicarase unha sección de recomendacións de obras dispoñibles na Biblioteca Municipal. A protagonista da sección será Xela Arias.

 

  • “E ti que ves lendo?”: tamén a través das Redes Sociais, realizarase unha actividade participativa na que os veciños que o desexen poderán suxerir unha lectura en galego baixo o hashtag#etiqueveslendo?”.

 

  • Mural polo Día da Letras Galegas. Trátase da colocación dun mural na Praza Maior de Viana do Bolo cunha breve historia das persoas homenaxeadas coas Letras Galegas.

 

  • “As Lavandeiras”: actuación cantada e contada na que as protagonistas son as mulleres, como reivindicación do papel de moitas mulleres anónimas que, sen ser escritoras, son autoras de contos, lendas e historias que forman parte da nosa cultura e tradición.

 

  • “Feminísssimas”: representación desta comedia na que o feminismo, a amizade e o humor forman un trío moi especial. Unha obra na que se poden aprender as formas de entender o feminismo de tres amigas que se volven atopar despois de anos sen verse. A actividade está recomendada para maiores de 12 anos e terá lugar na Casa da Cultura.

 

  • Obradoiros coa poeta galega Iolanda Castaño. Ao longo da mañá do xoves, 20 de maio, Iolanda Castaño visitará o IES Carlos Casares con dous obradoiros, un de poesía e outro sobre a vida e obra de Xela Arias inspirado no libro “Xela quixo ser ela”, da súa autoría.

 

  • Contacontos ilustrado e musical baseado no libro sobre Xela Arias. Nesta actividade narrarase oralmente a historia, obra e vida da autora, e farase un obradoiro de debuxo no que se realizará unha caricatura da poeta nacida en Sarria (Lugo). A localización da actividade aínda está por determinar.

 

  • Roteiro “Contando Viana en Feminino”. Interesante roteiro polas rúas do Cabo da Vila de Viana do Bolo no que se narrará a importante contribución que as mulleres fixeron á historia da vila e comarca. Constará de varias de escenas que serán representadas por veciñas de Viana e rematará cunha sorpresa para o público asistente (Grupos reducidos e con inscrición previa).

 

Agasallo de marcapáxinas 

As persoas que participen nalgunha das actividades programadas serán agasalladas cun marcapáxinas deseñado con motivo do Día das Letras Galegas.

Viana comezou as actividades conmemorativas do día das Letras Galegas