
A Biblioteca Municipal de Verín continúa ofrecendo actividades ó redor da figura de Francisco Fernández del Riego, homenaxeado este ano no día das Letras Galegas. Un conxunto de eventos que buscan pór de manifesto a relevancia do ilustre galeguista, achegándoo a tódolos públicos.
Ata o vindeiro mes de xullo permanecerá aberta a exposición "Camiñando con Ramón Sanfiz, coñecemos a Francisco Fdez. del Riego", unha mostra realizada polo IES Castelao de Vigo que contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A exposición está formada por 10 carteis e unha unidade didáctica que reflicten outras tantas paradas na vida de Francisco Fernández del Riego.
Pensando nos máis pequenos e pequenas, o vindeiro venres 12 de maio, a Biblioteca de Verín acollerá unha sesión de contacontos e manualidades dirixida polo grupo de voluntariado. A actividade celebrarase en horario de tarde e está dirixida ós socios e socias da Biblioteca que teñan entre 3 e 9 anos.