
Un ano máis, e van cinco, o Concello de Verín acollerá a celebración do Extruga na rúa Festival. Organizado pola Asociación Cultural Lumiños, o Extruga Festival é unha cita coa cultura urbana nun evento que une música, arte, deporte e gastronomía.
Neste 2023 celebrará cinco anos con "moitas novidades en comparación con outras edicións, e colaboracións únicas para este ano” declara Hugo Salgado, organizador do festival.

O festival celebrarase os días 25,26 e 27 de agosto en Verín. A zona verde da Preguiza, as instalacións deportivas do Skate Park e, como novidade deste ano, a Praia fluvial serán os escenarios dos múltiples actos programados. Actividades culturais e deportivas, obradoiros e actuacións musicais centrarán a programación.
O Extruga Festival mantense de carácter gratuito. Contará con tres xornadas musicais combinando artistas consolidados do panorama nacional con artistas emerxentes locais do mundo urbano. Tras o triunfo da primeira edición do “Concurso de bandas emerxentes", este ano celebrarase a segunda edición e se outorgará un premio económico.

Un ano máis o festival será unha das nove sedes da Liga Xunta Break de Galicia organizada pola entidade Vella Escola de cara as olimpiadas do 2024. A “Xuntanza Deportiva”, a zona de mercadiño e de foodtrucks serán outros alicientes da quinta edición do Extruga na rúa Festival.