sábado. 27.04.2024
Cartel do documental "O gran camiño".
Cartel do documental "O gran camiño".

O Concello de Verín vén de sumarse ao Ciclo Mestre Mateo, un circuíto de cinema galego impulsado pola Academia Galega do Audiovisual co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, a vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Pontevedra e a Deputación de Ourense, dirixido a concellos e vilas que desexen incluír na súa oferta cultural o máis destacado do audiovisual galego actual.

A  primeira cita será este venres 8 de abril, ás 19:00 horas, coa  proxección do documental O gran camiño no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín, lugar no que  terán lugar todas as exhibicións programadas no marco desta iniciativa. (Os filmes proxectaranse mensualmente ata novembro, exceptuando os meses de xullo e agosto, sempre con carácter gratuíto).

O Gran Camiño, documental votado polas académicas e académicos como mellor documental dos XX Premios Mestre Mateo, é un filme narrado en primeira persoa por Alba e Raúl, dous cineastas que deciden cargar as cámaras nas súas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo.

O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EE. UU., o misterioso Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta do Kumano Kodo entre grandes templos xaponeses, ou o europeo Camiño de Santiago, non son máis que unha excusa para unha viaxe máis profunda ao encontro da xente dos camiños, cos que se tratan temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio pola familia, os conflictos sociais, a espiritualidade, o coidado do noso planeta, a conexión coa Pachamama, ou o regreso a un mesmo.

NOTICIAS VERÍN | Os filmes gañadores dos Mestre Mateo proxectaranse en Verín