domingo. 28.04.2024
10092023 Obradoiro de Intelixencia Artificial 1
Obradoiro de intelixencia artificial dirixido por Alfonso Sola.

O domingo do FIC Vía XIV foi unha xornada orientada, principalmente, ó público profesional con sete actividades diferentes e cunha notable afluencia de participantes. Logo do rotundo éxito do espectáculo de Pepe Viyuela do sábado, onte a vila do Támega acollía as iniciativas en distintos emplazamentos de Verín.

Este ano o Festival Internacional de Curtamentraxes de Verín ofrece unha completa axenda de actividades paralelas, máis aló da proxección das curtas a concurso. Onte continuaba celebrándose o obradoiro de interpretación ante a cámara, impartido por Santi Cañaveral e Álex Mallo no que os oito participantes recrearon escenas da historia da cinematografía. 

10092023 Un rural cheo de audiovisual
Foro de debate "Un rural cheo de audiovisual", celebrado onte.

O domingo comezaba ás 12 horas co debate "Un rural cheo de audiovisual", un espazo de encontro no que falar das oportunidades e do potencial que ten o rural para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais e do apoio ós novos e creadores. Pouco despois, a Praza García Barbón acollía unha sesión vermú co concerto de Massy Ferguson.

Intelixencia artificial e pinturas de cine

Xa pola tarde e no Auditorio, Alfonso Sola impartía unha formación de iniciación á creación de imaxes utilizando a intelixencia artificial que completou o aforo. Mentres, os participantes no concurso de pintura creaban as súas obras basadas na historia da cinematografía no marco dunha das actividades máis novidosas desta edición do FIC Vía XIV. Os lenzos estarán expostos ó longo da semana no recinto.

Ó tempo, proxectábase fóra de concurso a curtametraxe Enferma, thriller protagonizado polo actor verinés Toni Salgado e dirixido por Manel Salgueiro. O elenco do filme estivo presente nunha proxección, e posterior conversa, que reuniu a numerosos asistentes.

10092023 Obradoiro de Intelixencia Artificial 2
O obradoiro de iniciación a creación de imaxes utilizando a intelixencia artificial completou o aforo.

O auditorio fervía coas numerosas actividades desenvolvidas ó longo da tarde. No espazo exterior tiña lugar o podcast Ti mesma, un formato de entrevistas en directo con toques de humor reivindicativo no que participaron diversos convidados ó certame.

A xornada remataba coa actividade "Historia dos cineclubes", onde se fixo un repaso pola tradición cinematográfica da comarca, onde chegou a haber ata cinco salas de proxección diferentes. Unha actividade divulgativa na que participaron protagonistas dos primeiros movementos cinéfilos que houbo en Verín. 

NOTICIAS VERÍN | A terceira xornada do Festival de Curtas inundou Verín de actividades