viernes. 26.04.2024
O fin de festa do I VibraVerín tivo lugar na Praza García Barbón. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Fin de festa do I VibraVerín, celebrado o pasado ano na Praza García Barbón. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O festival de percusión VibraVerín 2023 terá como obxectivo principal, na súa segunda edición, converterse nun encontro musical aberto a todos os públicos. Un evento que virá cargado de actividades e concertos participativos onde se amosarán as diferentes propostas e estilos que conforman o mundo da percusión. A música galega, africana, brasileira e clásica serán as protagonistas desta nova edición.

Organizado polo Conservatorio de Música de Verín e a ANPA do CMUS, coa colaboración do Concello de Verín, e coordinado por Pablo Paz, mestre do CMUS de Verín, o VibraVerín 2023 celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio. Con actuacións abertas á participación do público, o alumnado do CMUS reunirase para actuar e asistir a obradoiros para todas as idades e concertos con moitas novidades e sorpresas.

Andrés Rivero, o mestre convidado nesta primeira edición do VibraVerín. | FOTO: Miguel García.
Andrés Rivero, mestre convidado na primeira edición do VibraVerín. | FOTO: Miguel García.


A primeira edición do VibraVerín, celebrada o pasado ano, articulouse ó redor de dúas liñas de traballo: desenvolver un festival de carácter pedagóxico e crear un proxecto de dinamización da percusión dirixido a todos os públicos. Cunha clara proxección internacional, o VibraVerín naceu como un proxecto para pór de relevo un conservatorio moderno, dinámico e co reto de converterse en foco de creación e dinamización cultural.

Unha edición, a do 2022, que tivo un gran éxito de asistentes e que, a través dos concertos e actividades, conseguiu facer partícipe a toda a cidadanía verinense e converter a vila na capital da percusión en Galicia. Proba delo foi a enorme participación de público en todas as actividades abertas; en especial o Obradoiro de Batucada para adultos impartido por Andrés Rivero, ó que asistiron case 40 persoas e que culminou cunha exhibición na Praza García Barbón.

NOTICIAS VERÍN | A segunda edición do "VibraVerín" arrancará o 19 de maio