domingo. 19.07.2026

NOTICIAS VERÍN | O Santo Cristo en Laza e os Maios en Verín, festas protagonistas da fin de semana

Os Maios en Verín(FILEminimizer)
Festa dos Maios no 2022, en Verín.

Fin de semana cargada de festas na bisbarra. En Verín celebraranse os tradicionais Maios ó longo de toda a xornada do luns, 1 de maio. En Laza, terá lugar a Festa do Santo Cristo, celebración que se alongará toda a fin de semana.

Os Maios, en Verín

Como vén sendo habitual desde os anos oitenta, a praza da Alameda de Verín acollerá a tradicional Festa dos Maios. Este ano, a Praza García Barbón acollerá tamen a Feira Solidaria, coa participación de diversas entidades sen ánimo de lucro que ofrecerán todo tipo de produtos e servizos con fins solidarios. Será a partir das 11 horas.

Ademáis da exhibición dos Maios tradicionais e artísticos, a xornada contará cun pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Verín. Actividade musical que finalizará o seu percorrido na Alameda da vila para dar paso ó concerto que ofrecerá a Banda de Música do Conservatorio Profesional de Verín. Será ás 13 horas.

As coplas do Certame Enrique Gómez Pato estarán á venda todo o día. Os cartos recadados pola venda das tradicionais coplas retranqueiras irán destinados á Asociación Española contra o Cancro, co fin de axudar no financiamento dos seus programas de investigación.

Santo Cristo, en Laza

festa relixiosa na honra do Santo Cristo representa a benvida á primavera. Laza acollerá a súa celebración durante os días 28, 29 e 30 de abril. Os festexos contan con actividades cargadas de simbolismo e tradición, curiosas personaxes e a interpretación de escenas tradicionais. Os danzantes, a Eva e o seu baile, o Sacrificio de Isaac, a loita dos mouros e cristiáns ou o levantamento do Maio son algúns exemplos das actividades que terán lugar en Laza durante o Santo Cristo.

O venres, 28 de abril, comezará a festa coa xuntanza para Buscar o Maio. O sábado será o día dedicado ó Levantamento do Maio. Ó finalizar, haberá unha cea popular.

2023 Santo Cristo cea02
Cea popular no Santo Cristo, en Laza.

O día grande será o domingo. Ó mediodía terá lugar a Saída da Eva coa procesión; chegarán ata A Picota para interpretar o Sacrificio de Isaac e a Loita dos mouros e cristiáns. Tamén, é o día no que bailan os Danzantes, dando paso á celebración da misa solemne. Durante a tarde, o Baile da Eva encherá de música as rúas de Laza.

NOTICIAS VERÍN | O Santo Cristo en Laza e os Maios en Verín, festas protagonistas da...