Xoves. 28.03.2024
Concerto da orquesta infantil do CMUS no curso pasado.
Concerto da Orquestra Infantil do Conservatorio de Música de Verín durante o curso pasado. | FOTO: Arquivo.

O vindeiro 22 de abril, sábado, terá lugar unha nova edición do concerto solidario do Conservatorio de Música de Verín a favor de Cáritas parroquial. Un evento que se vén celebrando, cada ano, dende o 2001 co obxectivo de recadar fondos destinados a financiar os distintos proxectos sociais que desenvolve Cáritas Verín.

Miguel Ángel Guerra, director do CMUS Verín, cóntanos que "no 2001, a idea xurdira coa intención de axudar na emerxencia humanitaria de Haití"; cando o país caribeño quedou desolado logo de sufrir un catastrófico terremoto. Nos máis de 20 anos que se leva organizando o evento solidario, os fondos recadados destináronse a distintos fins, como axudar á poboación de Ucraína o pasado ano.

O concerto benéfico que o CMUS de Verín ofrecerá nista edición contará coa participación da Orquestra Infantil e da Banda do Conservatorio. Celebrarase na Igrexa parroquial de Verín o sábado 22 a partir das 19 horas. Un acto que conta coa colaboración do Concello de Verín e da Fundación Caixa Rural Zamora.

CMUS_concerto cáritas 2023
No concerto benéfico participarán a Orquestra Infantil maila Banda do CMUS de Verín.

A Orquestra Infantil contará coa presencia de 22 alumnos e alumnas do CMUS, con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos, que ofrecerán un repertorio variado con algunha sorpresa. Unha recopilación de obras musicais que incluirá "unha peza jazzística para clarinete, unha marcha, a interpretación do coñecido tema das Tanxugueiras e, incluso, unha versión para orquestra dunha peza de reguetón", anuncia Miguel Ángel Guerra.

Por outro lado, a Banda do Conservatorio de Verín tamén interpretará un variado repertorio que inclúe obras presentes na memoria musical colectiva: pasodobles, pezas de bandas sonoras de películas, a obertura do musical La La Land, música galega, unha selección de cancións de Nino Bravo e a máis que coñecida canción "Delilah" de Tom Jones. 

A Banda do CMUS de Verín está formada por alumnado actual do conservatorio ó que se lle unen colaboradores externos como antigas alumnas, o exdirector do CMUS Rafael Martínez Landeras e membros da Charanga Fuego.

NOTICIAS VERÍN | Nova edición do concerto benéfico do Conservatorio de Música de Verín...