sábado. 20.04.2024
cartaz V Xornadas Novela Negra
As V Xornadas de Novela Negra de Verín celebraranse os días 27 e 28 de xaneiro.

"Back In Black" é unha das máis coñecidas cancións do mítico grupo AC/DC e un dos maiores clásicos do rock de tódolos tempos. Traducido como "De volta de negro" ou "Regreso de negro", os membros de AC/DC utilizaron ista expresión para homenaxear ó seu exvocalista Bon Scott, falecido, querendo dicirlle: "Volvemos, pero de luto". Un xogo de palabras ben acaído para nomear as V Xornadas de Novela Negra de Verín; "Back In Black" vén a indicar que están de volta ó negro cunha vinculación ó mundo da música.

Varios dos autores que participan nista edición teñen, ou tiveron, relación coa música de xeito profesional ou nas súas obras literarias. Por iso, a unión de literatura e música cun concerto que darán os escritores Mikel Santiago e Pedro Feijoo, acompañados por Roberto González, profesor música do Colexio María Inmaculada, como remate das xornadas o sábado.

Durante os días 27 e 28 de xaneiro, o Auditorio de Verín acollerá todos os actos programados nista edición das Xornadas de Novela Negra. Catro escritores, un xuíz, dous médicos forenses, un Sarxento Primeiro da Garda Civil, un ex-comisario, un etnógrafo e un profesor de música... Poderían ser os protagonistas dunha novela de intriga, pero son as persoas que participarán nas xornadas. O evento seguirá a mesma liña doutras edicións, xuntando a escritores e escritoras deste xénero literario con profesionais que, acotío, aparecen como protagonistas das tramas.

Organizadas pola Biblioteca Municipal de Verín e coordinadas polo xuíz e escritor Xosé Antón Vázquez Taín, as xornadas darán protagonismo ó voluntariado da Biblioteca de Verín, buscando darlle visibilidade e recoñecemento ó labor que veñen facendo voluntarias e voluntarias na entidade cultural verinesa. Así, Sara Blanco, Sofía Lorenzo e Ana García serán as encargadas de presentar as V Xornadas de Novela Negra. Por outra banda, as voluntarias Noelia Gallego, Lorena Carnero e Inés García presentarán ás e ós autores que participan nista edición.

Programa das V Xornadas de Novela Negra

Venres 27 de xaneiro

  • 12:00h.: A orixe dunha novela. Así naceu Eva Cortes, conferencia de Sara Vila dirixida ós centros de ensino.
  • 19:00h.: Inauguración V Xornadas de Novela Negra.
  • 19:05h.: Un sorbo envelenado, conferencia de Jose Luis Ferreiro Novoa, Sarxento Primeiro da Garda Civil, especialista en Policía Xudicial.
  • 19:45h.: Escribiuse un crime??? botemos unha ollada, conferencia de Mª Berta Rodríguez Martínez, Médica Forense – Vicedirectora do Instituto Médico Legal de Galicia. Acompaña na mesa: Fernando Serrulla, Médico Forense.
  • 20:20h.: “Ficción versus realidade: Falemos de crimes. Mesa de debate con: Vázquez Taín, xuíz, Pedro Feijoo, escritor, Enrique León, ex comisario. Modera: Miguel Losada, etnógrafo e especialista en ciencias sociais.

 

Sábado 28 de xaneiro

  • 18:00h.: Antía Ubeira: contar unha desaparición dende a perspectiva da mensaxeira, conferencia da escritora Sara Vila.
  • 18:35h.: Gatos e Bombas: O que hai que ter para escribir novelas de intriga”, conferencia do escritor Mikel Santiago.
  • 19:05h.:Misterios sen resolver, grazas”, conferencia do escritor Xoán Tallón.
  • 19:40h.: Mesa Redonda dirixida por Miguel Losada, etnógrafo e especialista en ciencias sociais; participan tódolos/as relatores/as.
  • 21:00h.: sinatura de libros.
  • 00:30h.: Concerto no Pub Revólver dos escritores Mikel Santiago e Pedro Feijoo. Estarán acompañados por Roberto González, profesor de música do Colexio María Inmaculada.

NOTICIAS VERÍN | "Back in Black", fin de semana de misterio e intriga en Verín