domingo. 28.04.2024
17082023 Foto Cata Cervezas FIC 2022
Unha das actividades con máis éxito de público na pasada edición do FIC de Verín foi a cata de cervexas. | FOTO: FIC Vía XIV.

Festival Internacional de Curtametraxes de Verín contará este ano con máis accións paralelas que en anos anteriores para complementar as proxeccións cinematográficas. Un certame que se celebrará do 8 ó 17 de setembro, convertendo a vila do Támega “no epicentro da cinematografía e da cultura na provincia de Ourense”, sinala Carlos Montero, responsable do certame.

O espazo exterior do Auditorio acollerá actividades gastronómicas e musicais. Como na pasada edición, non faltarán as exitosas catas de viños da DO Monterrei e de cervexas artesanais; esta última a cargo de Gustavo Rey, considerado o mellor tirador de cervexa de España e con música en directo. Retómase a iniciativa “Pincho cine” en diversos locais da vila, con petiscos basados en escenas de cine.

A axenda musical do FIC Vía XIV contará con concertos a cargo dos grupos The Funkles, tributo a The Beatles, e Banda de Garda, que percorrerá o mundo do cinema a través das bandas sonoras. Sen esquecer as sesións de diversos DJs nos arredores do Auditorio de Verín. 

FIC
Cine na rúa, actividade paralela do FIC Vía XIV no 2022.

O pasado ano, o acto inaugural do FIC de Verín na Praza Maior acadou un gran éxito de público que vibrou co cinema ó aire libre musicalizado en directo. Nesta edición, e co obxectivo de levar a esencia do festival ata o corazón da vila, a organización repite a aposta e volve contar co grupo Caspervek , encargado de pór música a pezas como Viaje a la luna ou Alicia en el país de las maravillas.

Inda sen rematar a axenda de actividades paralelas, si se retomará o podcast propio do certame, con entrevisas en directo a diferentes persoeiros e convidados do FIC Vía XIV 2023. Nesta edición, o festival proxectará fóra de concurso a curtametraxe Enferma, thriller dirixido por Manel Salgueiro e protagonizado polo actor local Toni Salgado.

NOTICIAS VERÍN | O FIC Vía XIV suma actividades e convértese en epicentro cultural