miércoles. 24.04.2024
Machi Salgado, actor verín
Machi Salgado interpreta ó xuíz Montero na obra teatral Hamelin. | FOTO: Machi Salgado.

Machi Salgado leva máis de 20 anos sendo actor, "que non vivindo desto", puntualiza rindo mentras falamos, "e seguimos comezando cada ano". Mañá, sábado, poderemos velo protagonizando un especial espectáculo teatral no Auditorio de Verín. A compañía Redrum Teatro sube a escena Hamelin, unha peza que analiza a pederastia facendo partícipe ó público ó requerirlle unha atención plena e que fará que se cuestionen moitas ideas preconcebidas.

Cousas do azar, cando Machi Salgado foi estudar a Compostela Historia da Arte, tiña un "colega" que facía teatro e alá foi el tamén. Así, de primeiras e "sen ter moita idea", presentouse ás probas da Aula de Teatro da Universidade de Santiago... nada máis e nada menos. O de actuar debe levalo nos xens, na familia son dous irmaos actores, porque daquela primeira proba xurdiu a súa primeira xira destino Manhattan. "Foi unha maneira de empezar moi bonita, percorrimos España e aprendín de todo: iluminación, vestiario... e, sobre todo, aprendín das xeracións que xa estaban na Aula de Teatro".

Falamos con el dende Verín, agardando a súa volta á vila para demostrar o seu bo facer como actor, mentres Machi Salgado está a pé de praia. Non sen certa envexa ó escoitar as ondas do mar, conversamos non só da obra, senón do pulo cultural que se está a vivir na vila do Támega nos últimos anos. "Promover o ámbito cultural require moito traballo e querer facelo; dende a área de Cultura de Verín están apostando por elo, facendo un esforzo que se nota porque hai moitos máis espectáculos que antes".

Que supón vir actuar á túa vila?

"É moi agradable visitar Verín e actuar alí. Levamos xa tres montaxes con Redrum Teatro presentadas en Verín e todas funcionaron moi ben, cunha grande acollida por parte do público verinés, o cal é de agradecer. Agora hai un espazo, o Auditorio, que facilita que haxa máis espectáculos. Creo que, dende a área de Cultura de Verín, se intentan facer moitas cousas a nivel cultural e se nota o cambio e o apoio á cultura. Agora, Verín é moito máis dinámico, está menos paralizado culturalmente".

_Hamelin-056 a © Vanessa Rabade (FILEminimizer)
O elenco de Hamelin coa escenografía da obra. | FOTO: Vanessa Rabade.

Hamelin escenifica un tema moi complicado, que vai atopar o público?

"Hamelin é unha peza basada nun caso real que aconteceu no Rabal. A obra de Juan Mayorga fala da pederastia e de todo o que hai ó seu redor: as familias, as institucións, as vítimas, a Xustiza, etc. Eu interpreto ó xuíz Montero, personaxe que fai todo o posible para encarcerar a Rivas, o pederasta. A obra plantexa dúbidas que xurdiran naquel caso: qué é o mellor para os menores afectados? En nome de quen actúa a Xustiza? E se lle presenta ó público para que tome decisións".

A vosa montaxe de Hamelin é moi particular, incluso hai música en directo.

"É unha peza que require da participación do público; poñemos en escena moitas cuestións que requiren que se cuestionen os principios. A montaxe plantexa unha escenografía sen escenografía: vestimos de negro, a escena só conta con cubos negros como decorado. Ó longo da obra, somos os propios actores e actrices os que nos encargamos de modificar a iluminación e o espazo e, incluso, de facer música en directo. Somos fieis á proposta, buscamos que nada distraiga a atención do público para que se centren na temática, que teña unha visión dende fóra para ser máis obxectivo".

Sendo unha temática tan dura, trátase dunha obra só para adultos?

"Non, para nada. Xa a interpretamos para alumnado dos institutos e foi unha das mellores postas en escena. A participación dos rapaces e das rapazas foi espectacular. A obra dura unha hora e media e, logo, inda tivemos un coloquio no que os rapaces plantexaron moitas cuestións moi interesantes. A obra fala dun tema difícil, como é a pederastia, pero poden vela dende os 13 anos. É un tema que lles afecta e víaselles moi interesados".

Deixamos a Machi Salgado gozando do son das ondas á espera de velo mañá no escenario. Pero, non quere deixar a conversa sen "recomendar á xente de Verín que vaia ver Hamelin; o reparto é moi bo, cada un deles, e a obra fai pensar ó público mentres disfruta da montaxe". O espectáculo teatral Hamelin será no Auditorio de Verín, mañá sábado ás 20:30h.

NOTICIAS VERÍN | Falamos con Machi Salgado, actor verinés protagonista do espectáculo...