sábado. 20.04.2024
Andrés Rivero fixo vibrar a todos coa súa paixón polos ritmos. | FOTO: Miguel García.
Andrés Rivero fixo vibrar a Verín coa súa paixón polos ritmos durante a edición do ano pasado. | FOTO: Miguel García.

VibraVerín 2023 quere converterse nun encontro musical aberto a todos os públicos, teñan ou non experiencia musical. Un evento que, nesta segunda edición, virá cargado de actividades e concertos participativos onde se amosarán as diferentes propostas e estilos que conforman o mundo da percusión. A música galega, africana, brasileira e clásica serán as protagonistas do VibraVerín 2023.

Un festival que mantén a súa idea orixinal de ser un encontro aberto á cidadanía nunha dobre vertente. Por unha banda, achegar a percusión, ofrecendo concertos e actuacións que amosan os diferentes estilos que caracterizan as músicas do mundo; polo outra, fomentar a formación específica en percusión, xa sexa ó alumnado das escolas de música ou á toda aquela persoa que desexe participar sen necesidade de ter coñecementos previos.

Así, ademais de concertos, haberá distintas actuacións ó longo da fin de semana musical. Tamén, volven os obradoiros de música, que terán carácter gratuíto e estarán abertos á participación de toda a cidadanía. Con prazas limitadas, será necesario inscribirse previamente para participar. Tralo éxito do ano pasado, volverá Andrés Rivero para impartir un obradoiro de percusión africana. Álvaro Rúa e Nova Era serán os encargados de ofrecer o obradoiro de música tradicional galega.

Organizado polo Conservatorio de Música de Verín e a ANPA do CMUScoa colaboración do Concello de Verín, e coordinado por Pablo Paz, mestre do CMUS de Verín o pasado ano e do CMUS do Carballiño neste ano, o VibraVerín 2023 celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio. Dous serán os escenarios principais do festival: o Auditorio  e maila Praza García Barbón de Verín. Nembargantes, o son da percusión percorrerá as rúas da vila.

NOTICIAS VERÍN | Concertos, obradoiros musicais e batucadas no VibraVerín 2023