sábado. 20.04.2024
Certames literarios concello verín
Gala das Letras Galegas no 2022. | FOTO: Concello de Verín.

Un total de 56 obras foron presentadas ós dous certames literarios que organiza o Concello de Verín con motivo do día das Letras Galegas. Concursos organizados coa colaboración de Supermercados GADIS. Así, 30 narracións presentáronse á fase final do Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez e 26 poemas á do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez.


O alumnado de ensino primario da bisbarra presentou 12 obras a concurso, alumnado pertencente ó CEIP Amaro Refojo e ó Colexio María Inmaculada. Ambos centros de ensino preseleccionaron tres poemas e tres relatos, o máximo que podía presentar cada un dos centros.

Respecto ó alumnado da ESO, son catro os centros participantes: IES Xesús Taboada Chivite, IES Castro de Baronceli, Colexio María Inmaculada e Colexio Apostólico Mercedario. Un total de 44 creacións literarias, preseleccionadas na fase final, que concursarán tanto no certame narrativo como no de poesía.


En cada unha das tres categorías -Primaria, 1 º e 2º de ESO, e 3º e 4º de ESO- entregaranse distintos premios monetarios. Ademais, a todas as persoas autoras dos traballos finalistas, reciban ou non dotación económica, entregaráselle un diploma e un lote de libros.

Nembargantes, co obxectivo de que todas as persoas que participaron reciban algún premio, as bibliotecas dos centros de ensino recibirán lotes de libros para que podan incrementar os seus fondos librarios en galego. Para incentivar a lectura en galego, recibirán un bono para adquisición de libros. Unha achega económica para as bibliotecas que supuxo unha innovación nas bases dos certames no 2022.

NOTICIAS VERÍN | Os certames literarios das Letras Galegas en Verín reciben 56 obras...