martes. 16.04.2024
cartaz V Xornadas Novela Negra
Cartaz da V Edición das Xornadas de Novela Negra de Verín.

O Auditorio de Verín acollerá, os días 27 e 28 de xaneiro, a quinta edición das Xornadas de Novela Negra. Organizadas pola Biblioteca de Verín, serán coordinadas e dirixidas polo xuíz Vázquez Taín e polo escritor Pedro Feijoó. Unha edición cunha especial carga emocional xa que estará dedicada a Lolita Castro, voluntaria da Biblioteca do Concello de Verín falecida recentemente.

V Edición das Xornadas de Novela Negra levará por título “Back in Black”, unha clara referencia á vinculación entre literatura e música. Na presentación do programa das xornadas, que tivo lugar ista mañá, Gerardo Seoane explicaba que "Varios dos autores que participan nas xornadas mesmo tempo teñen ou tiveron unha grande relación coa música de xeito profesional ou nas súas obras literarias".

A Biblioteca Municipal de Verín acollía a presentación das actividades que se desenvolverán ó longo das xornadas. Un acto no que participaron o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e os organizadores do evento, Vicente Rodríguez Justo e Aurora Prieto. Seoane felicitou aos organizadores por dar continuidade a ista proposta "que xa é un dos eventos máis importantes da completa axenda cultural verinesa" e realizou un chamamento aos amantes deste xénero negro e policiaco a achegarse á vila do Támega e gozar desta programación de “primeiro nivel”.

"Ao igual que nas edicións pasadas as conferencias serán presentadas por voluntarias da Biblioteca de Verín, buscando dar maior participación e visualización do proxecto, que nesta ocasión correrán ao cargo de Ana García, Sofía Lorenzo e Sara Blanco. Tamén presentarán aos autores e autoras Noelia Gallego, Lorena Carnero e Inés García", salientaron os organizadores do evento.

Como broche final dista festa literaria, organizarase un concerto de rock no pub Revólver onde se xuntarán os escritores/músicos Pedro Feijoo e Mikel Santiago, que estarán acompañados na batería por Roberto González, profesor de música e tamén colaborador da Biblioteca de Verín.

Quen estará nas Xornadas este ano?

Coordinadas e dirixidas polo xuíz e escritor Xosé Antón Vázquez Taín, a V Edición das Xornadas de Novela Negra contarán con profesionais da talla de:

Escritoras/es: Sara Vila, autora da premiada obra “Oito días sen Eva Cortes”; Pedro Feijoo, autor de “Lume Azul” e os “Fillos do mar”; Mikel Santiago, autor da trioloxía Illumbe, que está a ser súper ventas, “El mentiroso”,En plena noche” e “Entre los muertos”; e, por último, o escritor de Vilardevós Xoán Tallón, autor dos afamados libros “Rewind” e “Obra maestra”.

Relatores/as do mundo profesional: Jose Luis Ferreiro Nóvoa, sarxento primeiro da Garda Civil especialista en Policía Xudicial; Mª Berta Rodríguez Martínez, médica forense e subdirectora do Instituto Médico Legal de Galicia; o forense e colaborador habitual da Biblioteca, Fernando Serrulla; o verinés Enrique León Calviño, ex comisario de Vilagarcía; Miguel Losada, colaborador da Biblioteca que terá a labor de dirixir as mesas de debate.

Programa V Xornadas Novela Negra

Todas as actividades celebraranse no Auditorio de Verín, con entrada libre ata completar aforo.

Venres 27 de xaneiro

12:00h: “A orixe dunha novela. Así naceu Eva Cortes”, conferencia de Sara Vila dirixida aos centros de ensino.

19:00h: Inauguración V Xornadas de Novela Negra “Back in Black”.

19:05h: “Un sorbo envelenado”, conferencia de Jose Luís Ferreiro Novoa.

19:45h: “Escribiuse un crime??? Botemos unha ollada”, conferencia de Mª Berta Rodríguez Martínez. Acompaña na mesa Fernando Serrulla.

20:20h: “Ficción versus realidade: Falemos de crimes”. Mesa de debate, interveñen: Vázquez Taín, Pedro FeijooEnrique León. Dirixe: Miguel Losada, etnógrafo e especialista en ciencias sociais.

Sábado 28 de xaneiro

18:00h: “Antía Ubeira: contar unha desaparición dende a perspectiva da mensaxeira”, conferencia da escritora Sara Vila. Presenta á escritora: Noelia Gallego, voluntaria da Biblioteca de Verín.

18:35h: “Gatos e Bombas: O que hai que ter para escribir novelas de intriga”. conferencia do escritor Mikel Santiago. Presenta ó escritor: Lorena Carnero, voluntaria da Biblioteca de Verín.

19:05h: “Misterios sen resolver, grazas” conferencia do escritor Xoán Tallón. Presenta ó escritor: Inés García, voluntaria da Biblioteca de Verín.

19:40h: Mesa Redonda; dirixe Miguel Losada e participan tódolos/as relatores/as.

21:00h: Sinatura de libros.

NOTICIAS VERÍN | "Back in Black", a V edición das Xornadas de Novela Negra de Verín une...