Xoves. 28.03.2024
220604 NOVELA NEGRA_SABADO_ALEJANDRO CORRAL_2
O xuíz Vázquez Taín, á esquerda, con Noelia Gallego de moderadora e o escritor Alejandro Corral. | FOTO: Carlos Montero.

Un total de 1.190 persoas (100 na actividade enfocada aos centros educativos, 330 nas conferencias do venres e 760 nas do sábado) participaron nas actividades programadas na IV edición das Xornadas de Novela Negra de Verín. Desde a organización do evento cualifican este resultado como un "rotundo éxito", ademais de ser un claro indicativo de que este evento está xa totalmente consolidado na axenda cultural da vila do Támega.

Gerardo Seoane, alcalde de Verín, salientou os "excelentes resultados de asistencia" obtidos en todas e cada unha das actividades programadas non marco destas xornadas que "sen dúbida algunha, xa son un dos máximos referentes da completa axenda cultural verinesa".

Tras agradecer o gran traballo realizado pola Biblioteca Municipal de Verín organizando estas xornadas, a concelleira de Educación, Cultura e Festexos, Emilia Somoza, quixo lembrar que para o grupo de goberno municipal a cultura foi -desde un primeiro momento- unha actividade fundamental para o desenvolvemento económico da vila. "É por iso que estamos traballando a reo na reactivación de todos e cada un dos nosos grandes eventos suspendidos pola pandemia e que, sen dúbida, devolverán á nosa cidadanía a programación cultural de primeiro nivel que tiñamos antes da emerxencia sanitaria".

Pola súa banda, desde a dirección da  Biblioteca Municipal, entidade responsable organización, fan un balance "máis que positivo, xa que as cifras finais demostran un rotundo éxito de participación". Por outra banda quixeron agradecer o esforzo e apoio mostrado por todos os seus colaboradores e patrocinadores, así como o de todos os autores e expertos que participaron nesta edición das xornadas.

A preparación de grandes eventos sempre vai acompañada dunha preocupación proporcional por asegurar que todo saia acorde ás expectativas. Cando o resultado é o esperado ou -nunca deixemos a un lado a necesaria dose de optimismo- supera os obxectivos marcados, a satisfacción consecuente borra calquera temor inicial.

Tómese como exemplo a IV edición das Xornadas de Novela Negra, que protagonizou a axenda do ocio verinés da fin de semana. A Biblioteca de Verín, organizadora do evento, é coñecida na comarca por non deterse nunca e sempre apuntar ó máis alto. Cun elenco de invitados, galegos e foráneos, máis que acertado para a ocasión, tanto as expectativas do público como a preocupación proporcional dos organizadores chegaron ós niveis máis elevados.

O coidado polos detalles é crucial

O xuíz Vázquez Taín, moderador das conferencias e habitual das xornadas, dixo isto do xeito máis directo posible: "Vicente, es un perfeccionista. Todo vai saír ben". Esas palabras foron coma unha profecía cumprida. Moito contribuíu a iso o extremo mimo ós detalles que puxeron Vicente Rodríguez e Aurora Prieto, os responsables da biblioteca, en garantir o mellor desenlace para as xornadas. Eles, acompañados por un “exército de voluntarios” (tanto se repetiu esta denominación que mesmo os aludidos e aludidas o acolleron con simpatía) puxeron todo o seu coidado no evento: dende a escolla de autores sobresaíntes e profesionais entregados ata a propia loxística necesaria. A que hora chegaría cada un dos invitados ou asegurar que atoparían o auditorio sen contratempos son algunhas das cuestións que, de ser obviadas, abondarían para botar abaixo o programa das xornadas.

"Son cousas do directo"

Por suposto, hai imprevistos que escapan ó control da organización. A expresión son cousas do directo existe por algo. Lorena Carnero, presentadora, xunto a Daniel Carnero, das Xornadas, debeu de intuír que ela tamén empregaría esa frase. Comentou que levaría as súas notas no teléfono móbil ademais de na tablet, "non vaia ser que lle pase algo á tablet", engadiu. Sobra dicir que media hora despois, na conferencia dada a centros escolares, a tablet non quixo colaborar. "Hai que confiar no papel!" comentou, cun sorriso, no escenario. Os rapaces e rapazas -que, por que non dicilo, tiveron un comportamento exemplar de participación na conferencia do mediodía do venres- responderon cunha gargallada de sincera comprensión. Son cousas do directo.

Outro susto levou Vicente cando o seu amigo Vázquez Taín lle dixo que tería que marchar das xornadas antes de que remataran. "Xa sabes que eu sempre estou en moitos sitios á vez", e Vicente, que ben coñece este feito, asentiu e saíu tomar o aire.

Un caso semellante foi o de Víctor Souto, comandante da Garda Civil e xefe da sección de Homicidios, Secuestros e Extorsións da UCO (Unidade Central Operativa). "Pasamos en torno a douscentos días ó ano fóra de casa", asegurou na súa disertación. Isto non colleu por sorpresa a Vicente nin a Aurora: un anaco antes da conferencia, xa lles dixera que marcharía ó rematar a súa intervención por requirimentos laborais. Aurora e Vicente asentiran e saíran tomar o aire. Estas situacións é mellor aceptalas e enfrontalas con calma. Aprendérono por experiencia (non por nada están xa na cuarta edición das Xornadas de Novela Negra): un bo resultado depende, na súa maioría, da capacidade de reacción da organización, polo que saber facer unha pausa para disipar o estrés é fundamental.

Un elenco de primeira nunha vila de primeira

Cómpre resaltar que a escolla de invitados e invitadas foi máis que favorable a disipar as posibles inquedanzas sobre "cousas do directo". As anécdotas de Enrique León e as intervencións de Miguel Losada captaron a atención do auditorio e non a soltaron; as explicacións profesionais de Víctor Souto e Iria del Río foron máis que aplaudidas pola súa rigorosidade e ton didáctico; as interaccións entre o xuíz Vázquez Taín e Xoaquín Fernández Leiceaga enseguida involucraron ós asistentes; a amena oratoria de Alejandro Corral sacou á superficie o lado máis curioso e artístico dos espectadores; o humor e reflexións de Arantza Portabales enseguida envolveron ó público na súa entrevista con Inés García, voluntaria da biblioteca e encargada de acompañar á escritora na súa intervención; e a dirección de Rafa Cid na mesa redonda conseguiu a mestura perfecta das personalidades de cada interventor nunha charla da que ninguén perdeu detalle.

 

Nestas xornadas, como non podía ser doutro xeito, procurouse tanto a diversión e formación do público como dos propios asistentes. Non podía facerse menos que garantir o disfrute da súa estancia. Durante os dous días que pasaron xuntos, tiveron a oportunidade de coñecer a vila da man dos mellores guías: os verineses. De que outro xeito aprenderían máis dos persoeiros da zona, se non é con Vicente e Aurora? Os bibliotecarios ensináronlles ós invitados a Biblioteca Municipal para achegalos ás figuras de Taboada Chivite, García Barbón e Eloi Luís André. Este nome foi especialmente interesante para Rafa Cid; comparten pobo natal.

Un Monterrey en Madrid 

Para os máis habituais, regresar a Verín implicou rememorar todos os bos momentos. Isto mesmo fixo Alejandro Corral, autor de La dama del Prado, no propio escenario. Na súa novela deixou un gran tributo á nosa terra (que, ó ser revelado, sacou máis dun sorriso e consolidou a simpatía que o público lle ten). Decidiu que Monterrey era o nome perfecto para a aldea ficticia ás aforas de Madrid na que transcorre parte da trama da obra. "Es que siempre que vengo a Verín me pasan cosas buenas" comentou cun moi bo ánimo. Recordou que alá polo 2019, mentres impartía un taller de escritura creativa na Biblioteca de Verín, recibiu o si da editorial para publicar o seu seguinte libro, que sería o que presentaría nesta edición das Xornadas de Novela Negra. "Y este año, justo cuando llegué a Verín, me llamaron para confirmar que soy propietario de un piso. Tengo que venir más a Verín". Cunha animada gargallada, os asistentes pareceron coincidir: "Por favor, volve aquí cando queiras", semellou ser a resposta muda. Porque ó final do derradeiro día das xornadas, ata un zaragozano se sinte galego.

Así pois, a pesares dos nervios e as inevitables "cousas do directo", o segundo día das xornadas chegou á súa fin cun resultado que superou calquera límite e ben mereceu cada aplauso e eloxio do público e dos conferenciantes. Todos agardamos polas seguintes Xornadas con grande ilusión. Iso inclúe tamén os imprevistos sobre o escenario. Son parte da maxia do directo.

NOTICIAS VERÍN | A asistencia de máis de 1.000 persoas certifica o éxito das IV...