jueves. 18.04.2024
IMG_5469 (FILEminimizer)
Domingo de Corredoiro en Verín no 2020. | FOTO: Arquivo.

Xa estamos metidos de cheo no Entroido 2023. Levamos semanas con eventos puntuais facendo camiño nos festexos na honra de Don Carnal... porque entroideiros e entroideiras somos bastante na bisbarra e xa lle tiñamos ganas a un Entroido sen restriccións. Ista fin de semana non imos parar, hai programadas actividades por todo o Val do Támega. Unha completa axenda de actividades que percorrer lucindo disfraces, gabáns e chapeus.

E non falamos só do Corredorio, que será o broche final dunha fin de semana con folións, obradoiros, queima de maragatos, unha exposición e moitas perrucas de cores circulando polas rúas. As previsións metorolóxicas son excelentes para estes días. Se axustamos ben a axenda, igual podemos acudir a todas para gozar dos festexos. A previa dos Compadres onte á noite deixou a porta aberta a unha fin de semana na que ata podemos aprender a elaborar a tradicional bica de Laza. Si, o día grande será o domingo coa celebración do Corredoiro, pero, antes, haberá eventos cada día en distintas localidades. 

Venres, 10 de febreiro

Folión de Laza. Dende as 23 horas comezará o terceiro folión pequeno na Cerdeiriña para percorrer camiño ata Cimadevila cos bombos do grupo "A Caniceira de Trives". Chocos, bombos e fachóns sairán dende o fondo da Cerdeiriña percorrendo o Outeiro, A Picota, A Rúa do Cruceiro, o Couto, a estrada de Vilar de Barrio, Souteliño e volta a Laza para chegar ata Cimadevila.

Sábado, 11 de febreiro

O sábado inaugúrase unha exposición colectiva sobre o Entroido en Monterrei no Hospital da Trinidade da fortaleza de Monterrei. Será ás 12 horas. Unha oportunidade para coñecer as distintas obras representativas dos tradicionais festexos no val.

Tempo de Entroido en Laza. O ciclo de actividades remata ista fin de semana cun Obradoiro de bica. Unha oportunidade para aprender a elaborar a tradicional bica de Laza no forno comunal da Picota. A organización porá todos os ingredientes, polo que será necesario inscribirse previamente ó prezo de 6 euros. Dará comezo ás 16 horas.

Sábado Maragato en Castrelo do Val. Ás 16:30 horas comezará co pregón e a coroación do Rei de Castrelo. Visitantes e veciñanza correrán o Entroido pola aldea de Castrelo acompañados polo tremor dos bombos dos Bombeiros de Vences. A vaca e o cervo estarán acompañados polo dúo musical de Campos, as Madamas e os Maragatos de Matamá, os Vellarróns do Riós, os Zarramoncalleiros de Cualedro, os Cigarróns de Verín, a charanga Sostra e o grupo folk Candaira. Unha festa que rematará cun baile no Terrón regado con viño da contorna.

Folión Matamá. O sábado será o 3º folión de Matamá; dende as 23 horas, coa música de Candaira, comeza o tempo de foliada para percorrer as rúas da aldea animando a veciñanza para celebrar a festa na honra de Don Carnal coas Madamas e os Maragatos. 

Domingo de Corredoiro

A gran celebración do Corredoiro será en Verín. As previsións de asistencia de Cigarróns son tan elevadas para este ano que a organización do Entroido de Verín decidiu cambiar o percorrido do desfile dos Cigarróns. Ás 11:30 horas comezará a tradicional concentración de Cigarróns na Avenida de Castela e non dende a Praza do Concello, como viña sendo tradicional. O desfile dos cigarróns seguirá pola Rúa Luis Espada ata o cruce coa Rúa Lisa. Os Cigarróns achegaranse ata a Igrexa Parroquial e a Igrexa da Merced para esperar a saída da misa dos fieis católicos.

Dende primeira hora as charangas "Los Támega", "Noroeste" e "Abóbriga" percorrerán as rúas de Verín animando ós entroideiros e ás entroideiras a festexar o Corredoiro. Na App Entroido de Verín poderase saber a súa localización exacta en todo momento. A festa continúa na Praza García Barbón; dende as 12:30h. a Disco Móbil A Gramola será a encargada de animar a mañá con música na praza ata o comezo do pregón do Entroido de Verín 2023 que será ás 13:30 horas. Xa pola tarde, as charangas Abóbriga e Noroeste comezarán a tocar dende as 17h por diferentes localizacións. Na Praza da Merced actuará PanSenFron ás 17:30h. e na Praza de García Barbón estará a Orquestra Trébol dende as 19h

 

O Domingo de Corredoiro tamén se celebrará en Cualedro e na Xironda, onde Zarramoncalleiros e Mázcaras sairán ás rúas a calquer hora do día para visitar á veciñanza cos seus traxes tradicionais. Na Gudiña, a Asociación "Os Torgueiros" teñen organizado un Obradoiro de Compadres e Comadres para aprender a elaboralos tradicionalmente. Será na Casa da Viúva a partir das 16h. e finalizará cunha chocolatada para todas as persoas que participen. 

ENTROIDO 2023 | É o momento, perrucas e chapeus á rúa para celebrar o Entroido en toda...