domingo. 28.04.2024
Alfonso Sola Limia
Alfonso Sola Limia será o encargado de impartir o obradoiro de intelixencia artificial no Festival de Curtas de Verín. | FOTO: Alfonso Sola.

Orixinario de Verín, Alfonso Sola Limia leva catro décadas residindo en Pontevedra. A súa carreira profesional, sempre desenvolvida nos ámbitos da docencia e da investigación, complétaa cunha dilatada traxectoria como artista plástico e multimedia. Xa no 1982 comezou a interesarse pola nova tecnoloxía, case recén nacida naqueles anos; agora, vai impartir un obradoiro no FIC Vía XIV de Verín sobre o uso da intelixencia artificial no eido artístico. Terá lugar o domingo, 10 de setembro, dende as 17h ata as 19:00 horas, no Auditorio e está aberto ó público xeral, previa inscrición na web do certame.

De que xeito está a ter impacto a intelixencia artificial no eido artístico?

Con respecto á arte, a IA vai ser unha ferramenta máis, igual que no seu momento foi a fotografía. Pensemos que a fotografía logrou xerar o seu propio cambio no campo da expresión. Cando apareceu, a finais do século XIX, pintores retratistas perderon o seu traballo porque coa fotografía conseguíanse mellores retratos, máis baratos e de xeito máis rápido. En cambio, moitos vangardistas como Cézanne non renunciaron á fotografía. E máis, tiveron unha máquina fotográfica a man porque comprenderon que podería ser unha ferramenta para favorecer o seu potencial expresivo.

Coido que, na actualidade, a IA pode estar nunha tesitura parecida á que tivo a fotografía naquela época. Existe unha mediación técnica, pero ten unha compoñente non predicible. Pensemos que cando facemos unha foto en realidade non está moi claro se a foto que queremos facer é a foto que finalmente imos obter cando prememos o botón.

Por iso, penso que, en parte, o que fai fascinante á intelixencia artificial é que non é predicible de todo. Polo menos, ata o de agora. De feito, o que máis me gusta da IA non é buscar resultados obvios que repliquen exactamente o que quero, senón deixar que a tecnoloxía me sorprenda. Porque ten unha compoñente aleatoria bastante grande, sobre todo cando se lle dan instrucións que poden ser incomprensibles para ela. Nestes casos, prodúcense uns “accidentes” que poden ser moi interesantes.

Que vai pasar no cine coa IA? Seguramente o cine máis comercial ou supervendas empregará a IA sen tapuxos, pero tamén seguirá existindo iso que chamamos “cinema de autor”

E no ámbito cinematográfico, de que xeito a IA está a mudar as regras do xogo?

Hai 15 anos xa lles advertía aos meus alumnos de Comunicación Audiovisual dos cambios potenciais que a intelixencia artificial podería provocar no cinema, tanto na creación dos guións coma na elaboración de storyboards. Parte da folga dos guionistas e actores que se está facendo dende hai semanas en Hollywood está causada por esta problemática.

Chegará un momento, e vai ser máis ben pronto, no que os estudios terán patentados actores virtuais que arrastrarán masas. En Xapón e Corea do Sur hai concertos de música pop ofrecidos por grupos virtuais e os membros deses grupos son avatares que se proxectan no escenario e teñen redes sociais nas que interactúan cos seus fans. Pero son totalmente virtuais.

Entón, a intelixencia artificial axuda ou dana ao cine? Ten cabida máis alá do xénero da ciencia ficción?

Nestes procesos de ruptura tecnolóxica é difícil aventurarse a dicir por onde irán os tiros. Ninguén foi capaz de predicir a existencia de Internet tal e como a coñecemos hoxe. Que vai pasar no cine coa IA? Seguramente o cine máis comercial ou supervendas empregará a IA sen tapuxos, pero tamén seguirá existindo iso que chamamos “cinema de autor” porque continuará habendo cinéfilos que busquen unha película que os interrogue, que lles cree dúbidas ou mesmo desasosego. Do contrario, estariamos perante a distopía dun mundo totalmente uniforme e agardo que iso non chegue a suceder nunca.

Vou intentar dar a coñecer aos asistentes nocións sobre o funcionamento básico da IA e técnicas de deseño de imaxes a partir de descricións. Será unha formación netamente práctica

Vai ofrecer un obradoiro dentro do FIC de Verín coas claves sobre IA aplicada ao ámbito artístico, como se vai desenvolver esta formación?

Este é un obradoiro de varias horas, con bastante contido. Trátase dunha iniciación ao traballo cos programas de deseño gráfico máis coñecidos. Vou intentar dar a coñecer aos asistentes nocións sobre o funcionamento básico da IA e técnicas de deseño de imaxes a partir de descricións. E tamén compartir con eles certos trucos relacionados con esta tecnoloxía, como localizar exemplos que lles permitan ver como se traballan as imaxes. Ao tempo, pretendo amosarlles os diferentes efectos que poden conseguir ou os camiños que esta tecnoloxía lles pode abrir.

É unha formación netamente práctica. Eu recoméndolle á xente que vaia ao obradoiro que leve, se pode, un portátil, unha tablet ou polo menos un móbil. Para quen non leve nada, vou a empregar portátil cun proxector co obxectivo de que se poidan visualizar os exemplos que propoño e achegar unha práctica real de como se realiza a creación de imaxes ou como se poden facer interaccións para lograr cambios. A miña idea é que unha persoa saia do obradoiro sendo capaz de empregar a intelixencia artificial para crear imaxes.

Estaba realizando unha exposición na Casa da Cultura, na que presentei obras creadas con IA. Falando cos membros da organización do FIC Vía XIV, xurdiu a idea de poñer en marcha un obradoiro de iniciación.

É necesario ser profesional para asistir? A que colectivos vai orientado o obradoiro?

Non está segmentado nin por idades nin por outros parámetros. Diríxese a calquera persoa interesada neste ámbito, que queira saber de que vai isto da intelixencia artificial e saír cunhas instrucións básicas para poder iniciarse na creación de imaxes con esta tecnoloxía. Iso si, hai que ter en conta que é un obradoiro de iniciación: á xente que xa coñece ou traballa con estas ferramentas non lle vai a achegar nada que non coñeza xa.

Como xurdiu a idea de poñer en marcha este taller dentro do Festival de Curtas de Verín? 

Xurdiu o ano pasado, cando estaba realizando una exposición na Casa da Cultura de Verín. Era fundamentalmente de pintura, pero presentei tamén oito imaxes xeradas por intelixencia artificial. Por suposto eran imaxes explicitamente anunciadas como obras creadas por unha IA pero eu quería ver a reacción da xente, porque chamaban moito a atención. Despois diso, falando cos membros da organización do FIC Vía XIV, xurdiu a idea de poñer en marcha un obradoiro de iniciación.

ENTREVISTA | Alfonso Sola: "Quen participe no obradoiro do FIC poderá empregar a...