jueves. 25.04.2024
O auditorio estivo case ao completo no derradeiro día das III Xornadas de Novela Negra de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Cheo no Auditorio na edición do 2022 en xaneiro, a última celebrada até hoxe. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

A cuarta edición das Xornadas de novela negra N-N arranca no Auditorio de Verín este venres cunha charla da Fundación Galega contra o Narcotráfico dirixida a estudantes. Pola tarde, en xornada aberta xa ao público, celebraranse dúas conferencias: unha do comandante da Garda Civil, acompañado polo xuíz José Antonio Vázquez Taín (coordinador das Xornadas), sobre a investigación policial; e outra da médica forense Iria del Río, a que ademais de Taín acompañará o forense Fernando Serrulla, sobre a violencia contra a muller.


Non son unhas xornadas ao uso, explican os responsábeis da Biblioteca Pública de Verín, Aurora Prieto e Vicente R. Justo, ao Diario do Támega, esta mañá de xoves na que andan traballando nos últimos detalles. As xornadas beben do orzamento anual da Biblioteca. Teñen patrocinadores, que non achegan cartos, senón os seus produtos. "Estamos moi lonxe do orzamento doutros eventos do xénero como Barcelona, Xixón ou Xetafe", confesan.


Tampouco son unha xornadas ao uso en canto aos perfís dos participantes. Nas N-N teñen case o mesmo peso as e os escritores que as e os profesionais que habitualmente aparecen representados nas novelas do xénero negro. Este ano por Verín desfilarán, xunto ás autoras e autores, gardas civís, forenses, activistas sociais e mesmo o coordinador das xornadas será o célebre xuíz Taín, ourensán da Merca e tamén escritor.


O sábado o programa comeza cunha conferencia de Xoaquín Fernández Leiceaga, político socialista que tamén fai a súa achega ao xénero con Baixo as alas de abril, que presentará ese día. Despois intervirán Alejandro Corral, que vén con La dama del Prado, e pechará as presentacións Arantza Portabales, con A vida secreta de Úrsula Bas.


Todas os actos terán lugar no Auditorio de Verín. A entrada para cada un dos día será de 2 euros. A recadación íntegra pola venda de localidades irá destinada á compra de libros para os fondos da Biblioteca Pública.


As xornadas tamén introduciron outra innovación a respecto doutros eventos xa consolidados. Trátase dos voluntarios. Os voluntarios son mozas e mozos que desde moi cativas participan nas actividades da Biblioteca. Nesta edición pasarán a desenvolver labores moi visíbeis. Así, Lorena Carnero e Daniel Carnero encargaranse da presentación o primeiro día. Noelia Gallego e Inés García conversarán desde o escenario con autores como Alejandro Corral e Arantza Portabales. 


"Os voluntarios e esa combinación de autores e profesionais son os aspectos que confiren singularidade ás xornadas", din os responsábeis da Biblioteca. A iniciativa dos voluntarios, lembran, xa mereceu o Premio Nacional María Moliner. Para esta edición contan con 20 voluntarios que desenvolverán diversas funcións. 


A conexión entre ficción e realidade está explícita na maioría das conferencias. Noutras, o interese para o público é a promesa de que os autores expliquen algunhas das súas técnicas. O sábado, na última das charlas antes do peche, Arantza Portabales anuncia algo diso. Contará como se esnaquiza unha historia e se reelabora a trama deixando que anacos de información vaian conducindo ao lector até o desenlace. 


No peche, a última hora do sábado, Vázquez Taín, Enrique León, Víctor Souto, Iria del Río, Xoaquín F. Leiceaga, Alejandro Corral e Arantza Portabales participarán nunha mesa redonda que moderará o xornalista Rafael Cid.

 


O PROGRAMA
 

Venres 3​

  • 12:00 horas: As mentiras da droga, por Enrique León Calviño, membro da Fundación Galega contra o Narcotráfico.
  • 19:30 horas: Inauguración das IV Xornadas de N-N, presentadas por Lorena Carnero e Daniel Carnero, voluntarios da Biblioteca do Concello de Verín.
  • 19:35 horas: Encaixando pezas, por Víctor Souto Fernández, comandante Guardia Civil. 
  • 20:20 horas: Violencia contra a muller. Vítima e vitimario, por Iria del Río Tajes, médica forense do IMELGA Pontevedra. 


Sábado 4

  • 18:00 horas: A atracción da escritura dunha novela negra, por Xoaquín Fernández Leiceaga.
  • 18:30 horas: Enigmas, Misterios e Rarezas no Prado e no mundo da arte, por Alejandro Corral.
  • 19:00 horas: Como se destrúe unha novela negra, por Arantza Portabales.
  • 19:40 horas: Mesa redonda dirixida por Rafa Cid, director Centro Territorial de RTVE en Galicia, na que participan: Vázquez Taín, Enrique León, Víctor Souto, Iria del Río Tajes, Xoaquín F. Leiceaga, Alejandro Corral e Arantza Portabales.
Cartel da IV edición das Xornadas de Novela Negra.
Cartel da IV edición das Xornadas de Novela Negra.

Diálogo entre realidade e ficción nas Xornadas de novela negra en Verín