sábado. 20.04.2024
Axenda cultural.

O gran protagonista desta fin de semana será Roberto Verino, que o sábado oficializará a súa entrada como membro da Real Academia Galega de Belas Artes cun acto que terá lugar no Auditorio de Verín. O nomeamento recoñece a súa procura da beleza e o seu compromiso coa cultura local. Ademais, hoxe continuará o Ciclo Mestre Mateo en Verín cunha cuarta proxección ás 20:30 horas. A continuación terás unha listaxe doutras actividades.

XOVES 16 DE XUÑO

Verín

  • 19:00 horas. A iniciativa Pincho Xoves deixará prezos de 1,50 euros nestas degustacións dos locais da hostalería de Verín.
  • 20:30 horas. O Ciclo Mestre Mateo continúa cunha cuarta proxección coa cinta Welcome to ma maison. Este documental experimental de Andrés Goteira poderá verse de xeito gratuíto no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín.

 

SÁBADO 18 DE XUÑO

Vilardevós

  • 9:30 horas. O programa de Ruta mulleres. Non perdas a mochila ten unha nova cita e levará ás súas participantes pola Fervenza da Cidadella. O traxecto arrancará na aldea de Soutochao e ten unha lonxitude de 9 quilómetros, cunha dificultade media-baixa. As inscricións poden facerse no 611 507 540.

Verín

  • 12:30 horas. O Auditorio de Verín acollerá o acto que recoñece a Roberto Verino como novo membro da Real Academia de Belas Artes de Galicia. O deseñador verinés lerá un discurso titulado Aportación da Moda Galega ó orgullo de país. O acto marcará a data oficial na que Roberto Verino pasará a formar parte da Academia.

Marrubio (Montederramo)

  • 13:00 horas. Na honra de San Antón comezarán os festexos entre a veciñanza de Marrubio. A procesión e a misa solemne marcarán o seu inicio, para darlle paso á actuación da charanga Nova Terras de Trives na sesión vermú.
  • 14:00 horas. A festa continuará en Marrubio co seu V Xantar Popular, que terá un prezo de 18 euros por persoa.
  • 17:00 horas. Coa barriga chea, o campionato de tute e o subastado dará comezo.
  • 21:00 horas. O grupo Xoldra será o encargado de amenizar a noite cunha festa e verbena.
  • 23:00 horas. A comida volverá a ser protagonista coa celebración dunha pancetada polo prezo de 3 euros, mentres que será gratuíta para aqueles que asistan ó xantar popular

 

DOMINGO 19 DE XUÑO

Chandrexa de Queixa

  • 8:00 horas. Os primeiros participantes da proba da Liga Provincial de Trail Ourense Trail sairán desde Chandrexa de Queixa. Esta competición deportiva conta con diferentes modalidades de trial, ademais dunha andaina. Os traxectos varían entre os 7,3 e 42 quilómetros; ao igual que os prezos que o fan entre os 15 e os 45 euros, segundo a modalidade. As inscricións poden facerse aquí.

AXENDA | Roberto Verino únese á Real Academia Galega de Belas Artes