domingo. 19.07.2026
Participan nunha xornada de recuperación e prevención organizada polo CDR Portas Abertas

Escolares de Cualedro e Monterrei aprenden a coidar o monte calcinado | NOTICIAS VERÍN

Xornada prevención e recuperación dos incendios forestais Cualedro
Un total de 42 escolares participaron en Cualedro nunha actividade de recuperación e prevención dos incendios forestais. | FOTO: Luciano Rivero.

Un total de 42 escolares do CEIP Vicente Risco de Cualedro e do CEIP de Medeiros (Monterrei) uniron as súas forzas este luns para participar nunha actividade de recuperación e prevención dos incendios forestais. A iniciativa, organizada polo CDR Portas Abertas coa colaboración dos Concellos de Cualedro e Monterrei, busca implicar á rapazada na recuperación do territorio.

A xornada comezaba cunha charla no CEIP Vicente Risco de Cualedro, á que asistiron docentes, representantes da Xunta e o propio alcalde de Cualedro. Durante a conversa, os pequenos amosaron ter a lección aprendida sobre as causas dos lumes, mentras escoitaban a un bombeiro forestal falar do seu labor. Tamén puideron ver e probar o seu equipo técnico.

Xornada prevención e recuperación dos incendios forestais Cualedro
A carivada non dubidou en probar o equipo técnico que utilizan os bombeiros forestais. | FOTO: Luciano Rivero.

Saída de campo

Posteriormente, o alumnado dirixiuse ao monte ardido ao carón do campo de fútbol de Cualedro; alí pasaron á acción. Un dos obxectivos era ensinarlles evitar as escorrentías de cinza; coa axuda de adultos, as nenas e os nenos espallaron polo terreo calcinado varias pacas de herba seca. Ademais, crearon bebedeiros e comedeiros que axuden á fauna afectada polos lumes.

Xornada prevención e recuperación dos incendios forestais Cualedro
Coa axuda de adultos, as nenas e os nenos espallaron polo terreo calcinado varias pacas de herba seca. | FOTO: Luciano Rivero.

Tal e como afirmaba o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, foi un día moi especial para os cativos, que "dedicaron a xornada a coidar os nosos montes, alimentar os animais e aprender sobre a importancia de respectar e protexer a natureza". Este tipo de iniciativas son "pequenos xestos que sementan grandes valores", subliñou o rexedor, nun longo camiño que busca que o rural volva reverdecer.

Escolares de Cualedro e Monterrei aprenden a coidar o monte calcinado | NOTICIAS VERÍN